O persoal das tendas de Inditex maniféstase na Coruña para reclamar melloras laborais
O persoal das tendas de Inditex maniféstase na Coruña para reclamar melloras laborais
Reclaman que as dependentas cobren o complemento de antigüidade do que xa se benefician no centro loxístico de Sabón
Persoal das tendas do grupo Inditex en Galicia manifestouse na Coruña para reclamar melloras laborais. Unha das principais reivindicacións da protesta, convocada pola CIG, é que a multinacional equipare as condicións laborais de todo o persoal do grupo.
Reclaman, entre outras demandas, que as dependentas das tendas cobren o complemento de antigüidade do que xa se benefician no centro loxístico de Sabón, e que se lles aplique a redución de xornada en función da idade.
Tamén demandan melloras sociais, como as axudas para gastos de gardería ou o bono comida. Tras os beneficios récord que tivo a multinacional no exercicio de 2023, a CIG considera insuficientes as propostas presentadas pola empresa.
Desde a central sindical, lembran que o persoal é parte importante da xeración de beneficios e "quere ser parte tamén na repartición da riqueza que xeran".