Publicador de contidos
Publicador de contidos

Hai indicios de que a erupción do Cumbre Vieja pode rematar antes de que acabe o ano

Hai indicios de que a erupción do Cumbre Vieja pode rematar antes de que acabe o ano

O comité científico asegura que, aínda que todos os indicadores están á baixa, non se pode asegurar cen por cento que estea preto o final da erupción

G24.gal 09/12/2021 08:38

O volcán da Palma leva 81 días de erupción e, segundo o Pevolca, hai indicios científicos de que pode rematar antes de que acabe o ano. Asegurouno o presidente das Canarias, Ángel Víctor Torres, nunha conferencia de prensa canda o ministro da Presidencia en que anunciou novas axudas para os afectados.

Con todo, o comité científico asegura que, aínda que todos os indicadores están á baixa, non se pode asegurar cen por cento que estea preto o final da erupción. 

O presidente canario adiantou tamén as novas medias adoptadas para axudar os afectados pola erupción. 

Amais dos 62 millóns de euros entregados polo Consorcio de Compensación de Seguros a máis de 300 familias, o Goberno central xa mobilizou 130 millóns, partida que aumentará nas vindeiras semanas.  

A partir do venres, os propietarios dunha trintena de vivendas dos Llanos de Aridane poderán regresar ás súas casas. Segundo informou o Pevolca, pódeno facer grazas ao estancamento da coada que discorre máis ao noroeste. 

Nestes momentos, a lava baixa maioritariamente pola zona central das coadas e a través de tubos lávicos. Os indicadores seguen á baixa, pero o magma continúa fluíndo. Preocupan as coadas 9 e 11. Esta última fixo desaparecer 66 vivendas nos últimos dous días. Os valores de dióxido de xofre continúan sendo altos, a pesar de que se estabilizaron outros factores como o tremor ou a deformidade. 

Cumpridos os 80 días de erupción, xa son 1.184 as hectáreas destruídas e outras 90 hectáreas de plataneiras illadas que se perderán. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade