O plan de reforzo educativo presentarase este xoves no Consello Escolar do Estado
O plan de reforzo educativo presentarase este xoves no Consello Escolar do Estado
As ANPA din que é un anuncio electoralista e os profesores critican os incentivos
Os informes educativos da OCDE para España recollen deficiencias en matemáticas e comprensión lectora. O Goberno recoñece que son necesarias medidas de reforzo e prepara un plan que Pedro Sánchez avanzaba nun acto electoral. "O Goberno de España vai facer un plan de reforzo en matemáticas e en comprensión lectora para todos os mozos que estudan no noso pais".
Os detalles do plan coñeceranse este xoves cando se presente no Consello Escolar do Estado canda a limitación do uso dos móbiles nos centros educativos. "Unha educación máis personalizada, con máis recursos para os profesores. Tamén clases extraescolares de reforzo e apoio para os estudantes", anunciou a ministra de Educación, Pilar Alegría.
As medidas terán que negociarse cos socios de investidura. O plan prevé un investimento de 500 millóns de euros, incluídos nos Presupostos Xerais do Estado. Desde Sumar cren que é insuficiente. "É un paso na boa dirección pero hai que ir moito mais alá. No reforzo de bolsas e tamén na gratuidade de cero a tres anos", defende Ernest Urtasun, Ministro de Cultura.
Entre as medidas que se estudan estaría a de primar cun complemento económico os mestres que apliquen as metodoloxías da Lomloe. Unhas clases máis prácticas e amenas que reduzan o rexeitamento do alumnado. As Anpas valoran a iniciativa, pero critican o momento: "O que nos gustaría á comunidade educativa é que as medidas foran froito do consenso e da reflexión e non de corte electoral. Que sexan medidas que perduren no tempo", asegura Rogelio Carballo, presidente da Confederación de Anpas de Galicia.
Desde Galicia, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez,: di que o Goberno asume o fracaso da súa lei"É unha rectificación absoluta, porque se dá conta de que o que todo aquelo que lle dixemos foi certo. Sempre criticamos a Lomloe, e a definimos como a lei do que máis dá. Ao final o resultado aquí está, non daba igual o que formulaba, porque reducía o esforzo".
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, celebra que o Goberno queira destinar máis esforzos a mellorar a comprensión lectora e das matemáticas. Rueda pide que as medidas que se tomen sexan igualitarias entre as comunidades.
Os sindicatos de profesores critican o plan de reforzo. Din que os incentivos van en contra do traballo en equipo.