O pleno de Ourense pide a dimisión do alcalde por levar un rei mago condenado por abusos sexuais
O pleno de Ourense pide a dimisión do alcalde por levar un rei mago condenado por abusos sexuais
Gonzalo Pérez Jácome di que descoñecía os antecedentes de Baltasar: "É como se che din que o dos Rolling é un asasino"
O pleno da Corporación do Concello de Ourense aproba a moción urxente impulsada polos populares para esixir a dimisión do rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, polo caso Baltasar.
A moción saíu adiante con 22 votos a favor e 5 en contra. Opuxéronse os edís de Democracia Ourensana (D.O.) e o exconcelleiro de Ciudadanos (Cs) Laureano Bermejo, agora nos non adscritos.
A petición chega despois de transcender que, na cabalgata de Reis da cidade, o home que representou o rei Baltasar tiña dúas condenas por abusos sexuais.
Jácome sostivo en todo momento descoñecer tales antecedentes e, ademais, dixo que a "lei só esixe o certificado de penais para contacto habitual e regular" e non para eventos "ocasionais".
A encargada de defender a moción foi a portavoz popular, Flora Moure, que preguntou "quen fixo a vista gorda".
"Quen non fixo o seu traballo esixindo o certificado de penais?", cuestionouse a dirixente popular.
E engadiu que este ano Ourense "logrou a cabalgata máis vergoñosa da historia, a máis irresponsable da historia e a máis perigosa da historia".
Como se che din que o guitarrisa dos Rolling é un asasino
Pola súa banda, o alcalde dixo que a cabalgata "foi a mellor da historia superando a do ano pasado" e que "todo saíu perfecto". Deste xeito, criticou que a petición dos populares ampárase na lei 26/2015, unha lei que, asegurou, "está anulada e foi substituída por unha do 2021" que "só esixe os certificados de penais a quen teñan contacto habitual con persoas menores de idade que leven un trato repetitivo, regular e non ocasional".
"É coma se che din que o guitarrista dos Rolling é un asasino despois dun concerto e dis, pois o concerto foi incrible. Pois coa cabalgata o mesmo, foi espectacular. A polémica foi a posterior e creada pola prensa", defendeu o rexedor.