Os Reis Magos chegan a Galicia: este é o percorrido das cabalgatas nas sete cidades galegas
Os Reis Magos chegan a Galicia: este é o percorrido das cabalgatas nas sete cidades galegas
En barco, tren ou avión, así veñen os Reis Magos dende Oriente ata Galicia. Chegan cheos de agasallos para os nenos e para todos aqueles que crean na maxia das súas maxestades. Con motivo da súa visita á comunidade, percorrerán as rúas das cidades galegas. Esta é a programación das cabalgatas de Reis nas sete principais:
Na Coruña, a cabalgata comeza ás 18.00 horas: o percorrido iniciarase en Camilo José Cela, fronte ao CEIP Ramón da Sagra, no barrio das Flores. Os máis pequenos poderán gozar da cabalgata seguindo o seguinte itinerario:
- Avenida de Monelos, rúa Alcalde Pérez Ardá, cruzamento de Fernández Latorre, Catro Camiños e A Palloza, rúa Linares Rivas, praza de Ourense (chegarán sobre ás 19:30 horas), Cantóns, avenida da Mariña, Porta Real e praza de María Pita. Na praza finalizarán o percorrido as 20:30 horas. A continuación ás 21:15 horas os Reis Magos saudarán a todos os nenos presentes na praza dende o Palacio Municipal.
En Santiago, os Reis chegan á praza da Mercé de Conxo ás 16:30. Media hora máis tarde, ás 17:00, comezarán un percorrido polas rúas:
- Avenida de Ferrol, Frei Rosedo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, praza de Galicia, rúa da Senra, Porta Faxeira, rúa do Vilar, praza das Praterías e Travesa de Foseca. Finalizarán na praza do Obradoiro sobre ás 18.30 horas. Instalaranse no Pazo de Raxoi a partir das 19:00, para que os nenos poidan entregarlles as súas cartas.
En Ferrol chegarán por mar, desembarcando cara ás 16:45 horas no peirao de Curuxeiras. Alí darán un discurso. A cabalgata comeza na rúa Venezuela as 18:00 horas, realizando o seguinte percorrido:
- Colombia, estrada de Castela, Pontevedra, Cuntis, Roi Xordo, praza de España, rúa María, Méndez Núñez, Real e Rubalcava ata a praza de Armas. Alí, recibirán aos pequenos no pazo municipal.
É destacable que a cabalgata de Ferrol contará cun tramo silencioso, unha iniciativa dirixida ás persoas que padecen trastorno do espectro do autismo. Ese tramo será a parte inicial da rúa Cuntis.
En Pontevedra, Melchor, Gaspar e Baltasar recibirán oficialmente aos máis pequenos no Pazo de Mugartegui ás 11:00 horas. Pola tarde inician a ruta ás 18:00 horas na avenida de Lugo, que continuará polas seguintes rúas:
- Loureiro Crespo, Benito Corral, praza da Peregrina, Michelena, praza España e finalizará na alameda pontevedresa.
En Vigo, a previsión de chuvias obrigou a suspender a cabalgata de Reis estática pola mañá, que comezaría na rúa Castelao dende as 11:00 horas ata as 14:00. Pola tarde, as carrozas do desfile tradicional percorrerán as rúas da cidade olívica dende Coia, comezando ás 18:30 horas para evitar as posibles precipitacións, e pasará polas seguintes rúas:
- Praza América, Camelias, praza da Independencia e Álvaro Cunqueiro. Regresarán de novo a Camelias e percorrerán a rúa ata a praza do Rei, onde finalizará o percorrido. Dende este punto os Reis Magos desprazaranse nun vehículo ata a Porta do Sol, onde o alcalde faralles a tradicional entrega das chaves da cidade.
En Lugo, partirá de Frigsa ás 18:00 horas, seguindo por:
- Avenida da Coruña e a rolda da Muralla ata a rúa Vilalba para chegar ao Concello por Bispo Aguirre e o fondo da Praza Maior. Este ano, o itinerario do desfile ampliouse para ser adaptado ás obras de peonalización da zona histórica.
En Ourense, os reis chegan á estación do AVE ás 17:30 horas e percorrerán as seguintes rúas:
- Eulogio Gómez Franqueira, avenida das Caldas, Ponte Romana, Progreso e Dr. Marañón para culminar na Praza Maior, onde levará a cabo a recepción real.