Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta estuda recorrer o imposto de solidariedade ás grandes forturnas

A Xunta estuda recorrer o imposto de solidariedade ás grandes forturnas

O Proxecto de lei de orzamentos de Galicia de 2023 supera o primeiro exame parlamentario só cos votos do PPdeG

Corgos destacou que os presupostos son "solidarios, solventes e fonte de dinamización económica

O BNG carga contra Xunta: "Non lle importa nada o sufrimento dos galegos

O PSdeG rexeita uns "orzamentos "decepcionantes" que non protexen a cidadanía

G24.gal 21/11/2022 09:00 Última actualización 21/11/2022 18:19

O proxecto de orzamentos da Xunta superou o seu primeiro exame parlamentario só cos votos do PPdeG, que rexeitaron as emendas á totalidade da oposición que consideran as contas "decepcionantes" e "insolidarias".

Durante o debate do proxecto de lei no Parlamento, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, anunciou que a Xunta "está a estudar recorrer" contra o imposto sobre solidariedade ás grandes fortunas do Goberno central, ao considerar que "atenta contra a seguridade xurídica".  

O conselleiro asegurou no Pleno que o Goberno"só busca castigar a comunidades gobernadas polo PP". Doutra banda, defendeu a nova bonificación do Executivo autonómico ao imposto sobre o patrimonio. 

Na súa intervención, o conselleiro de Facenda defendeu que o cadro macroeconómico das contas galegas para o ano que vén "incorpora todos os riscos detectados", pola inflación, a guerra de Ucraína e a "volatilidade" do mercado.  

Busca con iso "dotar de estabilidade decisións de consumo, aforro e investimento" e tamén "garantir un crecemento sostido", partindo da base da previsión "dunha freada nos próximos meses". 

A economía galega non é unha illa", admitiu. Neste sentido, sinalou que son previsións "máis prudentes que as do Estado" e reiterou que, a pesar de todo, "Galicia recuperará a comezos de ano a riqueza prepandemia".

Durante a súa exposición, Corgos destacou que os orzamentos de 2023 son "solidarios, solventes e fonte de dinamización económica". Achegan "certezas" aos axentes económicos e á cidadanía, subliñou.  

Uns orzamentos que ascenden a 12.620 millóns de euros e que, segundo lembrou, son "os máis altos da historia" da comunidade galega.   Neste sentido, lembrou que "reforzan" con máis de 500 millóns cinco liñas que a Xunta ve "prioritarias", de apoio e protección a familias, aforro e eficiencia enerxética, dinamización, protección do medio ambiente, loita contra a seca e o cambio climático e fortalecemento dos servizos públicos.

O BNG carga contra Xunta: "Non lle importa nada o sufrimento dos galegos"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cargou este luns contra os orzamentos da Xunta de Galicia, que son o “retrato” dun Goberno autonómico “sen corazón, ao que non lle importa nada o sufrimento da persoas que o están pasando moi mal nesta crise”.

A portavoz nacionalista acusou a Xunta de estar desconectado da realidade que afecta os cidadáns e sacou no atril unha botella de leite e outra de aceite para cuestionar aos membros do Executivo galego se coñecen o prezo destes produtos básicos.

“Señorías do Partido Popular, saben canto subiu unha botella de aceite no último ano? Un 28 %. Saben canto subiu un litro de leite? Un 25,3 % Saben canto están a subir de media os salarios? Por baixo do 4 %”, expuxo a líder do Bloque.

Pontón criticou o orzamento “insolidario e insolvente” que, na súa opinión, non se ocupa dos “miles de galegos e de galegas angustiadas, que traballan moi duro pero que non chegan a fin de mes”.

Con esta situación, a deputada do Bloque pediu á Xunta e ao PP reflexionar sobre como senten eses cidadáns cando ven que o seu Goberno “lle regala 34 millóns de euros a un puñado de millonarios, ás 7.700 persoas con máis patrimonio de Galicia”, posto que “ese pelotazo fiscal é unha labazada na cara de quen peor o está pasando”.

Apuntou tamén á deterioración a que estes orzamentos seguen condenando aos servizos públicos esenciais como a sanidade e a educación, incluso “poñendo en risco” a saúde dos galegos.

“Quero dicirlle aos galegos e ás galegas que viven con preocupación esta crise que hai outra maneira de gobernar, outra maneira de xestionar os recursos públicos, pensando na maioría social” que é a que busca o Bloque coa súa proposta para reorientar o destino de 1.764 millóns de euros.

Entre a proposta alternativa da súa formación aos orzamentos inclúese unha proposta fiscal que afecte as rendas altas e as compañías eléctricas para recadar 180 millóns de euros

PSdeG rexeita uns orzamentos "decepcionantes" que non protexen a cidadanía

O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, defendeu este luns a devolución dos orzamentos da Xunta para 2023 que son unhas contas "decepcionantes" que non protexen á cidadanía nun momento de dificultades pola inflación.

O portavoz socialista lamentou que a pesar de estar nun ano cun importante incremento de recursos, a Xunta non aproveitou esta maior dispoñibilidade de fondos para establecer “as medidas de protección que necesita a cidadanía, fundamentalmente a máis vulnerable”.

Criticou que a Xunta non estea á altura das necesidades da sociedade galega porque elaborou un proxecto que está moi lonxe das urxencias que presenta a comunidade en canto a avances en “xustiza social e prosperidade económica”.

Luís Álvarez tamén censurou a “competición desbocada entre as comunidades autónomas do PP polas rebaixas fiscais” na que “o presidente Rueda quixo ser alumno avantaxado” castigando así aos galegos aos que, por tanto, ofrece menos recursos. Por todo iso, “sobran razóns para solicitar a devolución destes orzamentos”.

Ademais da emenda de devolución, os socialistas propoñen unha emenda transversal que propón a mobilización de 766 millóns de euros mediante un total de 164 emendas transversais. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar