Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PNV gaña pola mínima a Bildu, co que empata en escanos, e poderá reeditar coalición co PSE

O PNV gaña pola mínima a Bildu, co que empata en escanos, e poderá reeditar coalición co PSE

PNV e Bildu empatan a 27 deputados, aínda que os nacionalistas conservadores gañan en votos

Socialistas e populares avanzan a 12 e 7 deputados respectivamente

Sumar e Vox conseguen cadanseu representante, e Elkarrekin Podemos ningún

O candidato do PNV celebra a vitoria. EFE/Luis Tejido
G24.gal 21/04/2024 19:55 Última actualización 22/04/2024 08:14

O Partido Nacionalista Vasco volve gañar as eleccións que se celebraron este domingo en Euskadi en número de votos, pero empata a 27 escanos con EH Bildu, formación que consegue os mellores resultados da súa historia.

Co escrutinio finalizado, o PSE-EE consolídase como terceira forza ao gañar dous parlamentarios e lograr 12, seguido polo PP, que tamén mellora os seus resultados e consegue sete representantes, un máis que no 2020.

Sumar emerxe no panorama político vasco ao facerse cun escano e Vox mantén o seu, co que a formación de Abascal segue a ter representación en todas as comunidades menos en Galicia. E Elkarrekin Podemos, que tiña seis parlamentarios, desaparece.

O novo Parlamento Vasco xurdido destes comicios terá unha profunda renovación xeracional e a maior porcentaxe de representantes abertzales da historia, 54 de 75.

Reeditar a coalición 

Con estes resultados, os actuais socios de goberno, PNV e PSE, poderían repetir sen problemas a súa coalición á fronte do Goberno Vasco, ao sumaren 39 dos 75 escanos. Unha fórmula que tamén está vixente en deputacións e concellos.

Con máis de 369.000 votos, o PNV conseguiu 20.000 sufraxios máis que nas pasadas eleccións de xullo de 2020, aínda que, á diferenza do ocorrido hai catro anos, deixou de ser a forza máis votada en Áraba e Guipúscoa.

Con todo, foi o gañador en número de votos no conxunto de Euskadi, como ocorreu en todas as eleccións autonómicas vascas desde 1980. Só nunha ocasión, en 1986 tras a escisión de Eusko Alkartasuna, gañou en porcentaxe de voto pero non en escanos, cando se impuxo o PSE.

"Todo por Euskadi, todos os días"

O presidente do PNV Andoni Ortuzar destacou que tras gañar en votos nas eleccións vascas deste domingo, o seu partido "asume a responsabilidade" de conformar o próximo Goberno Vasco, que será, prometeu, "plural".

O PNV conseguiu máis de 366.000 votos e 27 escanos, catro menos que hai catro anos. O candidato a lehendakari Imanol Pradales, que este domingo celebrou o seu 49 aniversario, dixo que dará "todo por Euskadi, todos os días".

O ascenso de EH Bildu

Pero o gran gañador destes comicios foi EH Bildu, que pasou de 21 a 27 escanos, aumentou en 90.000 votos e quedou a uns 30.000 do PNV.

Cunha campaña de luva branca, non parece que lle influíse a polémica entrevista ao seu candidato Pello Otxandiano, cando se negou a cualificar de "terrorista" a ETA, e beneficiouse da fragmentación entre Podemos e Sumar.

Salvo en Biscaia, feudo tradicional do PNV, EH Bildu impúxose con claridade en Guipúscoa e por primeira vez tamén en Áraba.

Otxandiano compareceu ante decenas de militantes que se citaron no mercado do Ensanche de Bilbao, onde a coalición seguiu a noite electoral, xunto co seu coordinador Arnaldo Otegi. Segundo dixo, "o cambio está en marcha e é imparable". 

Crecen PSOE e PP

Os socialistas vascos lograron mellorar de maneira importante os seus resultados, xa que gañaron máis de 26.000 votos e, o que é máis importante, dous escanos máis.

Este resultado mellora o que durante a campaña lle daban todas as enquisas, que lle outorgaban como moito 11 asentos no Parlamento, e posiblemente foi froito da súa confrontación aberta con EH Bildu estes últimos días.

O líder dos socialistas vascos Eneko Andueza cualificou de "extraordinario" o resultado do seu partido e anunciou que actuará con "responsabilidade" para levar a cabo unha política afastada de "mitos e aventuras".

O PP tamén logrou un bo resultado nestas eleccións, ao conseguir sete escanos, un máis que os logrados hai catro anos en coalición con Cs.

Os populares pasaron de 60.000 a máis de 96.000 votos este domingo, co que reverteron a tendencia á baixa que levaban desde 2001, cando tocaron teito con 327.000 votos.

O seu presidente e candidato Javier de Andrés mostrouse satisfeito por conseguir o seu propósito de crecer en votos, porcentaxe e escanos.

Afúndese a esquerda máis aló do PSOE

O espazo ideolóxico á esquerda dos socialistas foi o gran prexudicado nestes comicios. Elkarrekin Podemos conseguiu hai catro anos seis escanos, con máis de 72.000 votos, e agora entre esta formación e Sumar quedaron en 58.000.

Sumar logrou entrar no Parlamento Vasco con un escano por Áraba, e Podemos quedou fóra.

Dáse a circunstancia de que a candidata a lehendakari de Sumar Alba García quedou sen escano, xa que se presentaba por Biscaia.

A pesar destes resultados nuns comicios "moi complicados e polarizados", García mostrouse satisfeita. 

Vox retén o escano

Vox logrou manter o seu escano por Áraba a pesar desta subida do PP. De feito, a formación liderada por Santiago Abascal, que foi o líder nacional que máis se implicou na campaña vasca, aumentou os seus apoios en preto de 4.000 votos dos 17.000 que conseguiu en 2020.

A pesar de revalidar o seu escano en Vitoria, Abascal advertiu que hoxe non é un día alegre para o seu partido porque "ETA e o partido separatista vasco" gañaron as eleccións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar