O Porriño viaxará a Turquía na segunda rolda da EHF European Cup
O Porriño viaxará a Turquía na segunda rolda da EHF European Cup
O rival será o Bursa Buyuksehir e os partidos xogaranse a mediados do mes de novembro
O Conservas Orbe Zendal Porriño xa coñece o segundo rival europeo na EHF European Cup. Despois de superar a primeira eliminatoria con moita claridade fronte ao Brixen Sudtirol de Italia terá que afrontar unha eliminatoria máis dura contra o equipo turco do Bursa Buyuksehir. O campionato otomano é de maior nivel ca o italiano e o seu rival foi o sexto clasificado a temporada pasada.
Non será o primeiro enfrontamento entre un equipo galego e un turco na EHF European Cup, posto que hai dúas temporadas o Mecalia Guardés caeu na final desta competición fronte ao Antalya Konyaalti. Haberá un partido en cada país, non como aconteceu na primeira eliminatoria, que se resolveu con dous partidos no Porriño. A ida será en terras galegas o 9-10 de novembro e a volta xogarase unha semana despois na localidade de Bursa.