Publicador de contidos
Publicador de contidos

O posible impacto do conflicto armado de Israel e Hamas, por María Loureiro

OPINIÓN

O posible impacto do conflicto armado de Israel e Hamas, por María Loureiro

G24.gal 11/10/2023 07:55

O Fondo Monetario Internacional dixo este martes que o ritmo da recuperación económica mundial se está desacelerando, unha advertencia que chegou cando unha nova guerra en Oriente Medio ameazaba con afectar a unha economía mundial que xa se abaneaba por varios anos de crises superpostas.

"As economías están nun estado delicado", dixo Ajay Banga, presidente do Banco Mundial, nunha entrevista á marxe das reunións anuais. "Ter guerra non é realmente útil para os bancos centrais, que finalmente intentan atopar o camiño cara a unha aterraxe suave", dixo. Banga referíase aos esforzos dos responsables políticos en Occidente para tratar de arrefriar a rápida inflación sen provocar unha recesión. Banga dixo que ata agora, o impacto dos ataques de Oriente Medio na economía mundial era máis limitado do que fora a guerra de Ucraína. Ese conflito fixo que os prezos do petróleo e dos alimentos se disparasen inicialmente, o cal atinxiu os mercados mundiais dado o papel de Rusia como principal produtor de enerxía e a condición de Ucraína como principal exportador de grans e fertilizantes.

Agora ben, aínda que máis limitada xeograficamente, a presente guerra podería ser tamén preocupante, dependendo da evolución futura. Engadiu Banga: "Pero se isto se propagase dalgunha maneira, entón vólvese perigoso", dicindo que tal desenvolvemento provocaría "unha crise de proporción inimaxinable".

A pregunta principal é que vai pasar cos prezos da enerxía. O aumento dos prezos do petróleo preme sobre a Reserva Federal e outros bancos centrais para aumentaren aínda máis os tipos de interese, que segundo esta subiran demasiado rápido.

Pierre-Olivier Gourinchas, economista xefe do FMI, dixo que era demasiado pronto para avaliar se o recente salto dos prezos do petróleo se mantería. Se é así, dixo, un aumento do 10 por cento dos prezos do petróleo lastraría a economía mundial e reduciría a produción nun 0,15 por cento e aumentaría a inflación nun 0,4 por cento o próximo ano.

En Europa, mesmo antes dos acontecementos da fin de semana, a transición enerxética afectaba de maneira moi clara ás economías europeas. Nos 20 países que usan o euro, o FMI prevé que o crecemento se desacelerará ata só o 0,7 por cento este ano desde o 3,3 por cento en 2022. Espérase que Alemaña, a maior economía de Europa, contraia un 0,5 por cento.

Porén, ademais dos prezos do cru, hai outros impactos que xa se están notando. Primeiro, a caída das bolsas na maioría dos países do Oriente medio e incluso Europa, onde os investidores tratan de reducir a súa exposición ao risco buscando investimentos máis seguros, apostando máis por rendibilidades de tipo fixo e deixando de lado carteiras de fondos variables.

Pero ademais destes efectos, vemos que no plano internacional este conflito tamén pode axudar a empurrar o cambio na orde xeopolítica mundial. Nos últimos 20 anos, vimos como o poder económico mundial xiraba ao redor das dúas superpotencias: os EUA e A China, mentres que na actualidade vemos que esa orde xeopolítica está sendo alterada pola guerra de Ucraína e as consecuencias derivadas das accións de Rusia, que fan alterar a estabilidade de pactos e acordos multilaterais entre países.

Xa por último, e de forma máis próxima, España perderá no curto prazo un socio comercial moi interesante, co que tiña un superávit comercial de máis de 2000 millóns de euros e ao que exportaba automóbiles, tractores, e roupa, fundamentalmente, e do que importaba plásticos, cru refinado, sementes e outros produtos. E tamén aumentará o gasto militar en 1000 millóns de euros para mellorar as posibilidades de defensa das nosas tropas. En resumo, e sen lugar a dúbidas, a economía das guerras é bastante dolorosa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade