Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PP confirma a Conde como cabeza de lista por Lugo e deberá deixar a Xunta

O PP confirma a Conde como cabeza de lista por Lugo e deberá deixar a Xunta

Miguel Tellado, pola Coruña; Ana Pastor, por Pontevedra, e Ana Belén Vázquez, por Ourense, liderarán as candidaturas do Partido Popular nas outras tres provincias

Rueda confirma a remodelación do Goberno pola saída de Conde, pero non descarta que poida haber máis cambios: "As listas aínda non están pechadas"

EFE 12/06/2023 12:38 Última actualización 12/06/2023 21:32

O Partido Popular confirmou este luns a Francisco Conde, vicepresidente primeiro da Xunta e estreito colaborador de Alberto Núñez Feijóo, como número uno por Lugo ás eleccións do 23 de xullo, polo que deberá abandonar o Goberno galego, do que forma parte desde 2012.

O PP fixo público este luns un documento cos cabezas de lista provinciais aos comicios xerais do próximo mes, entre os que, ademais de Conde, figuran Miguel Tellado, pola Coruña; Ana Pastor, por Pontevedra; e Ana Belén Vázquez, por Ourense.

Francisco Conde, profesor no CEU, chegou a Galicia da man de Alberto Núñez Feijóo como asesor tras a súa vitoria electoral en 2009 e posteriormente foi nomeado conselleiro de Economía en 2012, tras a súa segunda vitoria electoral.

Durante os últimos días especulouse coa posibilidade de que Conde, cuxa familia vive en Madrid a pesar das súas responsabilidades en Galicia, ocupase a cabeza de lista dos populares.

Tras as eleccións de 2016 Conde seguiu no seu posto como responsable de Economía e Industria e tras os comicios de 2020 ascendeu a vicepresidente segundo e coordinador da política económica do Executivo galego.

Coa marcha de Núñez Feijóo en 2022 para liderar o PP barallouse a posibilidade de que Conde o acompañase, aínda que finalmente quedou na Xunta como vicepresidente primeiro, ás ordes de Alfonso Rueda.

No congreso de Sevilla o presidente do PP xa advertiu, cando anunciou o seu equipo en Génova, de que non estaban todos os que o acompañarían nun futuro.

A súa inclusión nas listas obrigará nos próximos días a Alfonso Rueda a remodelar o Goberno que preside desde hai pouco máis dun ano, e que mantivo intacto tras a marcha de Núñez Feijóo, coa única inclusión de Diego Calvo, presidente do PP da Coruña, como vicepresidente segundo. 

Rueda non descarta máis cambios

O presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, ademais de confirmar que haberá unha remodelación no Goberno galego coa saída de Francisco Conde, detallou que poderá haber máis cambios "se algunha persoa fose necesaria para outros destinos".

Rueda lembrou que "non están pechadas as listas aínda" e esta remodelación podería afectar a outras persoas titulares de Consellerías se "algunha persoa fose necesaria para outros destinos"

"Hai xente moi boa no Goberno e tamén hai moitas oportunidades para que se alguén o desexa poida ter outras vías", proseguiu. "Gustaríame que fose un percorrido moito máis longo (que só o de deputado no Congreso)", abundou o titular da Xunta, que perde "unha peza fundamental" no seu equipo.

Sobre a marcha de Conde, explicou que falou con Alberto Núñez Feijóo, que "cría que podía facer un gran papel", unha posición que el comparte.

Nun acto en Arteixo, Rueda felicitou aos cabezas de lista do PPdeG ao Congreso para o 23 de xullo pola Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra: Miguel Tellado, Francisco Conde, Ana Vázquez e Ana Pastor. Afirmou que contan co "pleno apoio" do partido, que "é importante fronte a espectáculos vistos estes días de rectificacións".

Sobre a postura da oposición en Galicia, que pide eleccións anticipadas, Rueda opinou que está "moi despistada" e que o criticaría tamén se houbese un adianto electoral. 

O PP renova ao 75 % dos cabezas de lista

O Comité Electoral do PP, que precisamente preside Diego Calvo, aprobou a lista de candidatos que irán como cabeza de lista ao Congreso dos Deputados nas próximas eleccións do 23 de xullo e que supón unha renovación do 75 % dos nomes que concorreron en 2019.

Mentres o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, será o número uno pola lista de Madrid, a secretaria xeral e portavoz do grupo parlamentario, Cuca Gamarra, encabezará a lista da Rioxa.

O coordinador xeral do PP, Elías Bendodo, concorrerá ao Congreso como número uno por Málaga mentres que o vicesecretario nacional de Economía do PP, Juan Bravo, encabeza a lista por Sevilla.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade