Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PP do Carballiño defende o pacto para gobernar en coalición co PSdeG

O PP do Carballiño defende o pacto para gobernar en coalición co PSdeG

O popular Francisco José Castro Gil, que será o novo tenente alcalde, confirma que os edís do PP entrarán no executivo e que xa houbo repartimento de áreas

Circunscribe o acordo ao concello e rexeita as críticas da dirección do PSdeG 

G24.gal 20/06/2024 09:50

O portavoz do PP no concello do Carballiño, Francisco José Castro Gil, confirma que gobernarán en coalición co PSdeG no que queda de mandato. Explicou que o pacto que permitirá aos populares ocupar a alcaldía no último ano de mandato recolle tamén a entrada dos populares no executivo.  

Castro Gil avanza que será "un Goberno de coalición". Nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega, explicou que "xa temos dividido o Goberno en áreas". Indicou que "os dous primeiros anos serei o tenente de alcalde. No último ano de mandato, un de nós ocupará a alcaldía. Non sei se serei eu ou outra persoa". 

O próximo tenente alcalde do Carballiño apunta que levan meses a negociar tanto co PSdeG do Carballiño como co líder de Espazo Común, Pachi Vázquez, o que fora exsecretario xeral do PSdeG. Recoñece que a decisión de Espazo Común de presentar unha moción de censura contra o rexedor, o socialista Francisco Fumega, precipitou as conversas. 

Recoñece que o acordo pode ser "contra natura", pero xustifícao polo ben do concello do Carballiño. Apuntou que o pacto permitirá  que o municipio teña "un executivo estable e con maioría para poder aprobar uns orzamentos". Así destacou que "o Goberno do Carballiño estaba un pouco manco, sen orzamentos e estaba parado porque non se podían facer moitas cousas". 

Castro Gil circunscribe o acordo cos socialistas ao concello do Carballiño e desmárcao doutras conversas, como as negociacións dunha posible moción de censura en Ourense. Afirma que "é un pacto local que non ten nada que ver coa política a outro nivel. Nós non compartimos as políticas do PSOE no Estado nin en Galicia". 

O popular non entende as críticas da dirección do PSdeG que desautorizan o pacto e anuncian medidas contra o alcalde e edís socialistas. Pola contra, destaca que eles contaron  en todo momento coa autorización da dirección do PPdeG, tanto a nivel provincial coma a nivel autonómico, e di: "Déronnos carta verde para negociar e tiñamos o visto e prace do partido tanto para negociar co PSdeG como con Espazo Común". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade