O PP é a forza máis votada na Coruña pero Inés Rey mantén a alcaldía co apoio do BNG
O PP é a forza máis votada na Coruña pero Inés Rey mantén a alcaldía co apoio do BNG
O PP obtén doce concelleiros respecto aos nove anteriores, mentres que o PSOE incrementa dous concelleiros e chega aos once
O BNG pasa de dous a catro edís, mentres que a Marea Atlántica perde seis concelleiros e queda sen ningún
O PSdeG e o BNG suman maioría absoluta na Coruña, unha cidade que queda só con tres forzas políticas no pleno, co PPdeG como a máis votada.
O PSdeG ten once edís e o BNG suma catro, o cal implica que cada unha das dúas forzas gañan dous e suman, en total, quince, un máis que a maioría absoluta.
Na actualidade, os socialistas de Inés Rey gobernan en solitario con apoios puntuais do BNG e da Marea Atlántica, pero agora será posible unha coalición como a que houbo entre 2007 e 2011 na cidade.
O PPdeG, con todo, continúa como forza máis votada, neste caso con doce concelleiros e un 36,56 % dos votos, fronte ao 31,35 % do PSdeG e o 13,64 % do BNG.
Desaparecen da corporación o resto de partidos da esquerda rupturista ao non alcanzaren o 5 % mínimo nin Marea Atlántica (4,87 %) nin Por Coruña (4,16 %).
Tampouco entra Vox, cun 3,9 %, e desaparece Cs, que lograra un posto en 2019 e agora apenas tivo un 0,41 % dos votos.
Inés Rey será a primeira alcaldesa que repita na cidade desde as eleccións de 2004, que gañara o tamén socialista Francisco Vázquez.
O Partido Popular con Miguel Lorenzo á fronte gañou as eleccións no Concello da Coruña, pero non son suficientes os resultados para gobernar en solitario. Malia iso, Lorenzo ofrécese como alcalde. "Os coruñeses merecen un goberno de gañadores e non que os gobernen os pactos de perdedores. Ofrézome para gobernar a cidade falando e pactando coas demais forzas políticas, porque o único importante é sacar adiante os coruñeses e A Coruña, traballar polos coruñeses", dixo.
Con iso, a socialista Inés Rey podería repetir como alcaldesa grazas a un máis que probable pacto co BNG. Rey non agochaba a súa satisfacción: "Os cidadáns avalaron hoxe a xestión municipal e queren un goberno de progreso. Na Coruña un goberno liderado polo PSdeG-PSOE, un goberno que vai afrontar a segunda modernización da Coruña. A Coruña non para, avanza co PSdeG-PSOE. Vamos!", dixo Inés Rey na conferencia de prensa.
E moita máis satisfacción aínda no BNG, que dobra o número de concelleiros. Ademais o PSOE necesita as súas catro actas para que repita Inés Rey. O nacionalista Francisco Jorquera
séntese o verdadeiro gañador da noite."O gañador destas eleccións na Coruña foi o BNG. A forza que máis avanza, a forza que máis incrementa os seus apoios e ademais as coruñesas e os coruñeses atribuironlle ao BNG o papel de ser decisivo".
A cruz destes comicios represéntaa a Marea Atlántica, que queda fóra de María Pita ao perder os seus seis concelleiros. Xan Xove evitaba paliativos. "As sensacións agora son duras. Os resultados son pésimos, así o admitimos. E realmente temos que avaliar o contexto no que estamos e decidir como continuamos. Obviamente é un contexto novo para nós pero temos que valoralo en común".
Tampouco consegue representación Podemos, que concorreu canda Esquerda Unida, Alianza Verde e independentes. José Manuel Sande recoñece que tiñan que ter iniciado antes a escisión da Marea. "É inconcibible que a día de hoxe, meses despois, efectivamente vexamos esta operación en certo modo de suicidio político sen que houbese ningún encontro entre as forzas políticas. Iso si que é a parte que me representa de verdade incluso un pesar e unha dor persoal".
Ambas as formacións coinciden en darse un tempo para analizar o seu futuro.