Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PP medra nas cidades galegas mentres o PSOE e o BNG se estancan nas enquisas

O PP medra nas cidades galegas mentres o PSOE e o BNG se estancan nas enquisas

Unha sondaxe que publica La Voz de Galicia apunta a dúas maiorías absolutas: a de Caballero en Vigo e a de Rey Varela en Ferrol

Outros dous paneis demoscópicos en La Región e El Ideal Gallego sitúan o PP como forza máis votada en Ourense e A Coruña

Ciudadanos desaparece das corporacións urbanas e Vox segue sen conseguir representación nas cidades galegas

G24.gal 30/04/2023 08:23 Última actualización 30/04/2023 11:57

A xa menos dun mes para as eleccións municipais, as enquisas apuntan a que o PP segue medrando nas cidades galegas mentres o PSdeG e o BNG se estancan fronte a sondaxes anteriores.

Os populares poderían ser a forza máis votada en Ferrol, Lugo, Santiago, Ourense e A Coruña. Os socialistas poderían reeditar a maioría absoluta de Abel Caballero en Vigo e conservar outros gobernos locais con pactos. E tamén se podería repetir o bipartito que lidera Miguel Anxo Fernández Lores, do Bloque, en Pontevedra.

En todo caso, as sondaxes que este domingo publican distintos medios escritos en Galicia deixan un escenario aberto en varias cidades, aínda con máis do 20 % de indecisos nalgún caso. Coinciden tamén en que Ciudadanos desaparece das corporacións das grandes urbes galegas e en que Vox seguiría sen conseguir representación en ningunha.

Vigo

Caso por caso. En Vigo o socialista Abel Caballero volvería obter unha ampla maioría absoluta, con 19 dos 27 concelleiros da corporación, segundo a sondaxe que publica este domingo La Voz de Galicia.

Con todo, un menos ca agora, o que gañaría a popular Marta Fernández Tapias. Tamén se produce un transvasamento entre o Bloque e a Marea de Vigo, agora os nacionalistas obterían  2 edís e a coalición só un, ao revés do que sucedera hai catro anos.

Ferrol

En Ferrol o bastón de mando podería cambiar de mans. A sondaxe apunta a que o popular José Manuel Rey Varela podería gobernar con maioría absoluta. O actual alcalde -o socialista Ángel Mato- perdería un edil, igual que Ferrol en Común, que quedaría con dous concelleiros, os mesmos que o BNG.

Lugo

A enquisa debuxa un escenario máis aberto en cidades como Lugo. Neste caso, o PP estaría a un concelleiro de conseguir a maioría absoluta. Elena Candia, á alza, sumaría 12 actas, fronte ás 8 do PSOE e as 5 do BNG.

A rexedora actual, Lara Méndez, empeoraría lixeiramente os resultados de 2019 e o Bloque melloraríaos, pero ambos terían en calquera caso os mesmos edís que na corporación actual e poderían reeditar o bipartito. Ciudadanos xa non entraría na corporación.

Pontevedra

Tamén podería darse esa tesitura en Pontevedra, neste caso co nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores á fronte do goberno municipal. O BNG mantería os 11 concelleiros e o PSdeG os 4 que ten agora. O PP mellora os resultados que tivera hai catro anos e chegaría aos 10 edís.

Santiago

En Santiago a enquisa apunta a un forte desgaste do rexedor actual, o socialista Sánchez Bugallo, que podería perder 3 dos concelleiros que ten agora. Quedaría en 7, tres menos que o PP, que medra pero queda lonxe dunha maioría absoluta.

Tamén medra o BNG, que duplicaría os edís que tivo hai catro anos. Pasaría agora a ter 4, os mesmos que Compostela Aberta, que perde case 6 puntos en estimación de voto en relación cos seus resultados en 2019.

A Coruña

Na Coruña a sondaxe que publica La Voz apunta tamén á posibilidade dun goberno de coalición. PP e PSOE empatarían, con 11 concelleiros cada un. Ambos conseguirían 2 máis dos que tiveran en 2019.

O BNG sofre unha freada en relación con enquisas anteriores, pero tamén obtería un edil máis que nas últimas municipais. Quen baixaría notablemente é a Marea Atlántica, que das 6 actas que ten agora só conservaría 2.

Nesta sondaxe irrompe ademais a candidatura de "Por Coruña" (de Podemos, Esquerda Unida e Alianza Verde). A lista liderada por un exconcelleiro de Xulio Ferreiro sumaría un 4.8% dos votos, pero non conseguiría entrar na corporación.

Debuxa un escenario diferente outra enquisa que publica hoxe El Ideal Gallego que si calcula que esta candidatura obtería unha acta. Neste panel o PP tamén sería a primeira forza con 11 concelleiros, pero o PSdeG quedaría con 10 edís e non lle chegaría para gobernar cun pacto unicamente co Bloque, que conseguiría 3 actas. 

Ourense

En Ourense daríase en todo caso o resultado máis aberto. Dúas sondaxes amosan un escenario semellante, pero con matices. Segundo a enquisa de La Voz, o PP sería a forza máis votada e sumaría 9 concelleiros, os mesmos que o PSOE, pero o partido do actual alcalde Gonzalo Pérez Jácome resiste e obtería 7 actas, as mesmas que obtivera nos comicios de 2019. Tamén repetiría resultados o Bloque, con dous edís.

La Región, en cambio, publica un panel no que Manuel Cabezas obtería 10 concelleiros, 3 máis dos que tiña agora o seu partido. En cambio, Francisco Rodríguez empeoraría os resultados do PSOE en 2019: quedaría con entre 7 e 8 edís.

Tamén baixaría a formación do rexedor. Democracia Ourensana conseguiría entre 5 e 6 actas. Nesta enquisa o Bloque tería 3 concelleiros e Vox e "Agora Ourense" quedarían ao límite do 5 % necesario para entrar na corporación. En todo caso, a sondaxe reflicte que o número de indecisos e o voto oculto segue sendo moi alto, na contorna do 35 %.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar