Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PPdeG logra o apoio aos principais anuncios de Rueda pero poucos acordos máis

O PPdeG logra o apoio aos principais anuncios de Rueda pero poucos acordos máis

Só 13 propostas conseguiron o apoio unánime da cámara na votación que puxo o punto final ao debate de política xeral

 

G24.gal 11/10/2023 08:30 Última actualización 11/10/2023 17:24

O último debate de política xeral desta lexislatura rematou con poucos acordos entre o PPdeG e os grupos da oposición aínda que o respaldo aos principais anuncios do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi unánime.

Deste xeito, os grupos do PP, BNG e PSOE, apoiaron as medidas anunciadas polo presidente galego en materia de ámbito social, como a decisión de ofrecer un bono de 5.000 euros ao ano para todas as persoas con problemas de dependencia para coidados por un familiar no seu domicilio, unha cifra que chega a 18.400 beneficiados.

Tamén apoiou toda a cámara a medida para as persoas con dependencia beneficiarias dun bono para ir á residencia ás que se destinará un complemento duns 1.200 euros anuais, que se sumarán ás contías que xa reciben, polo que supoñerá un incremento medio dun 30 % para unhas 8.000 persoas actualmente nesa situación.

Con todo, os acordos foron mínimos entre os grupos. Finalmente saíron adiante as propostas do grupo maioritario, outra sobre o conflito palestino-israelí, apoiada tamén polo PSdeG -o BNG nin sequera participou na votación- e só 13 propostas conseguiron o respaldo unánime da Cámara

Entre as que obtiveron o apoio do PPdeG, BNG e PSdeG, está a proposición negociada entre as tres forzas que recolle unha serie de demandas en materia de infraestruturas dirixidas á Administración central e á galega, ás que piden, respectivamente, que achegue unha "data certeira" para entrada en funcionamento dos trens Avril e que avance na construción de infraestruturas autonómicas como a Vía de Alta Capacidade (VAC) Costa Norte ou a autovía da Costa da Morte.  

Piden os grupos a posta en marcha dos trens Avril, dos que depende a chegada da alta velocidade ás cidades galegas, "axilidade" para renovar o ferrocarril na comunidade, impulsar o AVE a Portugal a través do saída sur de Vigo, a conexión de Lugo e Ferrol coa alta velocidade e a "modernización" da rede interior.

Tamén reclaman a ampliación das frecuencias nos horarios de mañá, mediodía e tarde, que se liquiden os problemas que provocan "incidencias, avarías, atrasos, falta de prazas e masificación" nos trens do Eixo Atlántico e da liña entre A Coruña e Ourense; así como a recuperación dos servizos suspendidos por mor da pandemia de covid-19.

Ademais das peticións á Xunta para que "avance nas infraestruturas autonómicas pendentes", os grupos avogan por que a Xunta defenda ante o Goberno do Estado que finalice a construción das autovías pendentes, como a Lugo-Santiago, a da Mariña ou a Vigo-O Porriño.  

Por último, solicitan "celeridade" na reconstrución dos viadutos do Castro, na A-6, pendente de volver ser levantados tras o colapso dun deles na primavera de 2022.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade