Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PP pide a dimisión de Marlaska polos dous gardas civís asasinados en Barbate

O PP pide a dimisión de Marlaska polos dous gardas civís asasinados en Barbate

O Partido Popular reproba o ministro do Interior no Senado

O ministro do Interior di que foi a Garda Civil a que decidiu disolver o OCON-Sur e que non afectou á loita contra o narcotráfico

G24.gal 21/02/2024 14:53 Última actualización 21/02/2024 16:02

O pleno do Senado, apoiado na maioría absoluta do PP, reprobou este mércores ao ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, tras o asasinato de dous gardas civís en Barbate.

Reprobado xa hai xusto un ano no Congreso pola súa xestión da traxedia no valo de Melilla, onde morreron polo menos 23 inmigrantes ao tentar entrar en España, nesta ocasión foi o Senado o que esixe a dimisión do titular de Interior, aínda que a iniciativa do PP só recibiu apoio de Vox e UPN.

"Os españois non merecen un ministro como Marlaska nin un presidente que non teña a valentía de cesalo", manifestou desde a tribuna do hemiciclo a portavoz do grupo popular, Alicia García.

En nome do PSOE respondeulles José Manuel Franco, quen tachou de "fácil e carroñera" a súa oposición e lembrou os recortes nos persoais das forzas e corpos de seguridade durante o goberno do PP, revertidos polo PSOE con Marlaska á fronte de Interior.

Antes da reprobación no Senado, o PP Congreso volveu pedir a súa dimisión, por non dotar a Garda Civil de recursos suficientes para loitar contra o narco no Campo de Xibraltar.

O deputado popular Miguel Tellado instou a dimitir "se lle queda algo de dignidade, dimita, señor Marlaska". O seu compañeiro de partido Elías Bendodo pediulle que "colla a última porta que ten aberta, antes de que o tiren pola ventá".

Pero Fernando Grande-Marlaska deféndese das críticas do PP á súa xestión, tras o asasinato de dous gardas civís no porto de Barbate. Acusa os populares de seguir "contando mentiras, desviando a atención e utilizando unha traxedia con fins partidistas" mentres o Goberno segue "reforzando os medios e os efectivos da policía e da Garda Civil".

Os populares piden explicacións de por que desapareceu a unidade de elite da Garda Civil contra o narcotráfico no sur. Para a deputada Ana Vázquez, "non é de recibo que siga sen aclarar porque disolveu o OCON, se pola presión de Marrocos, se por aforrar diñeiro ou, peor, por manipular probas en contra deles, diga dunha vez a verdade".

O ministro do Interior insiste en que o OCON non desapareceu, simplemente que os seus 150 axentes están agora despregados na Policía Xudicial das comandancias da zona. Segundo explicou Fernando Grande-Marlaska no Congreso, "é un cambio de estrutura que ademais o decide a Garda Civil, que ten autonomía para facelo, buscando en todo momento unha maior eficacia". E apunta que, dende este cambio, houbo máis detidos e máis incautacións de droga na zona.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade