Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PP pide datos fiscais e laborais sobre o vínculo da muller de Sánchez con Globalia

O PP pide datos fiscais e laborais sobre o vínculo da muller de Sánchez con Globalia

Entenden que Sánchez incorreu nun conflito de intereses non absténdose nos consellos de ministros que decidiron o rescate de Air Europa

O PSOE lembra que a norma só obriga a absterse se un familiar é directivo ou asesora a empresa sobre a que se decide, o cal non ocorreu no caso da aeroliña

G24.gal 14/03/2024 18:01

O PP rexistrou unha denuncia contra o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ante a Oficina de Conflitos de Intereses, en que pide datos tributarios, de cotizacións ou laborais sobre o vínculo da súa muller, Begoña Gómez, con Globalia, como resposta ao estalido do caso Koldo.

O PP anunciou esta denuncia, rexistrada de maneira telemática este xoves, que interpón ao entender Sánchez incorreu nun conflito de intereses non absténdose nos consellos de ministros que decidiron o rescate de Air Europa, que pertence a Globalia, coa que o PP vincula laboral e profesionalmente á esposa do presidente.

O PP expón que Sánchez podería cometer unha infracción grave da lei do alto cargo non absténdose nunha decisión que afectaría os intereses dun familiar e lembra que nese caso a normativa contempla como sanción a imposibilidade de ocupar un alto cargo durante un período de entre 5 e 10 anos.

Por iso, solicita que a Oficina de Conflitos de Intereses, que depende do Ministerio para a Transformación Dixital e Función Pública, inicie unha investigación.

Dentro desa actuación, reclaman ademais que a Axencia Tributaria, a Seguridade Social e o servizo de emprego dean información como declaracións tributarias, réxime de cotizacións sociais, contratos de traballo ou retribucións para determinar a natureza da relación xurídica entre Begoña Gómez e Globalia.

En concreto, o PP quere saber como era a relación profesional que vinculaba a Begoña Gómez co Instituto de Empresa porque a muller do presidente dirixiu entre agosto de 2018 e xuño de 2022 o IE Africa Center, un organismo académico sen ánimo de lucro que a xuízo do PP "parece" que só contaba co financiamento de Globalia.

Os populares admiten que se descoñece a natureza xurídica da relación entre Begoña Gómez e o IE, "se era unha relación laboral por conta allea, unha relación mercantil actuando Begoña Gómez como traballadora autónoma, ou unha relación de servizos", e que se ignora tamén que porcentaxe dos ingresos obtidos se destinaron á súa retribución directa.

Á Oficina de Conflitos de Intereses pídenlle ademais que lles remita "cumprida información" das súas actuacións e conclusións e que dea traslado á Fiscalía no caso de que existan indicios de irresponsabilidade penal.

O PP pon baixo sospeita dúas decisións do Consello de Ministros: o rescate en novembro de 2020 de Air Europa cun préstamo total de 475 millóns e o crédito a través da SEPI a Ávoris Corporación Empresarial de 320 millóns en marzo de 2021.

Tanto o Goberno como o PSOE trasladaron este xoves que non ven ningún percorrido á denuncia interposta polo PP, ao entender que fai unha interpretación retorcida da lei. Sosteñen que a norma só obriga a absterse se un familiar é directivo ou asesora a empresa sobre a que se decide, o cal non ocorreu no caso de Air Europa.

Globalia e Air Europa apareceron reflectidas no caso Koldo porque a aeroliña contratou o comisionista da suposta trama, Víctor de Aldama. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade