Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PP proporá a Xosé Manuel Baltar Blanco e Xosé Manuel Rey Varela para o Senado

O PP proporá a Xosé Manuel Baltar Blanco e Xosé Manuel Rey Varela para o Senado

A elección terá lugar no pleno extraordinario do Parlamento de Galicia que se vai celebrar o venres 28 de xullo

Xosé Manuel Baltar Xosé Manuel Baltar
G24.gal 24/07/2023 19:42 Última actualización 24/07/2023 19:51

O PP anunciou este luns que proporá como senadores o expresidente da Deputación de Ourense Xosé Manuel Baltar Blanco, que deixou ese cargo tras as eleccións municipais de maio, e o alcalde de Ferrol, Xosé Manuel Rey Varela, quen se sumará así aos 12 que foron elixidos nas eleccións xerais deste domingo.

A elección de ambos farase no pleno extraordinario do Parlamento de Galicia, que se celebrará o vindeiro venres.

Xosé Manuel Baltar Blanco, licenciado en dereito e funcionario do corpo superior da administración xeral da comunidade autónoma de Galicia, foi elixido presidente da Deputación de Ourense o 6 de febreiro de 2012 e mantívose nese posto ata o mes pasado.

Ademais, entre os anos 1998 e 2001 foi delegado provincial en Ourense da Consellería de Agricultura e Política Agroalimentaria, entre 2001 e 2012 foi deputado no Parlamento de Galicia, desde o ano 2000 é membro da xunta directiva provincial do PP de Ourense -presídea desde 2010- e desde 2001 forma parte da xunta directiva do PPdeG.

Xosé Manuel Rey Varela Xosé Manuel Rey Varela

Como el, Xosé Manuel Rey Varela é licenciado en Dereito e, no seu caso, especializouse en liderado de xestión pública.

En 2002 incorporouse á corporación municipal de Ferrol como o concelleiro máis novo e exerceu como voceiro adxunto do grupo municipal do PP.

Asumiu as concellerías de Facenda, Patrimonio, Emprego e Mocidade entre 2003 e 2007, foi deputado provincial na Coruña entre 2007 e 2011, fíxose coa alcaldía de Ferrol entre 2011 e 2015, cargo que compatibilizou co de presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e, a continuación, foi nomeado conselleiro de Política Social da Xunta ata 2018.

Nas pasadas eleccións autonómicas de 2020, Rey Varela foi elixido deputado no Parlamento de Galicia, cargo que deixou o mes pasado para tomar posesión como alcalde de Ferrol, onde tamén é presidente dos populares.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade