Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PP recorre ante o Constitucional a lei de amnistía, que tacha de "inxusta e inmoral"

O PP recorre ante o Constitucional a lei de amnistía, que tacha de "inxusta e inmoral"

Os populares piden recursar tres maxistrados do TC: o presidente Cándido Conde-Pumpido, o exministro Juan Carlos Campo e a exdirectora xeral de Moncloa Laura Díez

Segundo Cuca Gamarra, a presentación do recurso "é unha obriga moral do PP como único partido de Estado que queda no arco parlamentario"

G24.gal 05/09/2024 13:13 Última actualización 05/09/2024 13:59

O PP recorreu este xoves a lei de amnistía ante o Tribunal Constitucional, ao considerar que esta norma non só é inconstitucional, senón tamén "inxusta e inmoral", e que só busca "borrar delitos que foron cometidos para que un se poida manter no poder".

Os populares solicitan tamén a recusación de tres maxistrados do Tribunal Constitucional alegando que debe ser "imparcial" e "independente" á hora de analizar esta norma.

En concreto, buscan apartar das deliberacións da lei de amnistía o seu presidente, Cándido Conde-Pumpido, e os dous membros que procedían do Goberno de Pedro Sánchez: o exministro Juan Carlos Campo e a exdirectora xeral de Moncloa Laura Díez.

Anunciouno nunha declaración gravada a secretaria xeral do PP. Cuca Gamarra explicou que "non só é un recurso necesario, senón que é unha obriga moral do PP como único partido de Estado, fiel á Constitución e á igualdade, o único partido de Estado que queda no arco parlamentario".

Para a dirixente popular, a lei é inconstitucional porque "é arbitraria", xa que o seu único obxectivo é "conseguir o poder a cambio da impunidade absolutamente arbitraria por todos aqueles que a impulsaron e así o recoñeceron os propios debates parlamentarios".

O próximo 24 de setembro o Tribunal Constitucional (TC) decidirá se admite a trámite este recurso presentado polo Partido Popular. Do relatorio encargarase José María Macías, un dos maxistrados propostos polos populares que tomará posesión do seu cargo este mesmo venres.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade