O PP rexeita que Rueda compareza no Parlamento para explicar sobrecusto do Cunqueiro
O PP rexeita que Rueda compareza no Parlamento para explicar sobrecusto do Cunqueiro
Os populares galegos defenderon o proceso elixido para a construción do hospital vigués e aseguraron que no informe do Consello de Contas "non se sinala nin unha soa irregularidade"
O PPdeG rexeitou a petición do BNG de que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareza no Parlamento autonómico para explicar o "sobrecusto" de 470 millóns de euros na construción do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, unha solicitude que foi apoiada por PSdeG e Democracia Ourensana (DO).
Na Deputación Permanente do Parlamento deste mércores, o PPdeG argumentou que no informe de fiscalización do Consello de Contas de finais de xullo, que revela que a licitación da obra e os servizos do hospital por separado e non conxuntamente permitiría aforrar máis de 470 millóns de euros públicos, "non se sinala nin unha soa irregularidade" e defendeu o proceso elixido.
Con todo, para a deputada do BNG Montse Prado este sistema de concesión para a construción do hospital constitúe unha "estafa programada e executada polo PP" á cidadanía, unha "decisión política e ideolóxica" para beneficiar ás concesionarias.
Así, manifestou que se Rueda non quere dar explicacións no Parlamento é "porque ten moito que ocultar".
Tamén o PSdeG cualificou de "estafa" este proceso para "favorecer fondos especuladores en detrimento da cidadanía", e reclamou unha vez máis, do mesmo xeito que o BNG, que o hospital Álvaro Cunqueiro, inaugurado en 2015, pase a ser de titularidade e xestión pública.
O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, asegurou que o seu partido está "orgullosísimo" de construír "un dos mellores hospitais de Europa e facelo en tempo récord" en plena crise económica e acusou á oposición de "mentir e manipular" para levantar unha "polémica absurda".