O PP suma a Vox, Junts e ERC para reprobar o ministro Óscar Puente polo "caos ferroviario"
O PP suma a Vox, Junts e ERC para reprobar o ministro Óscar Puente polo "caos ferroviario"
Puente é o terceiro ministro de Pedro Sánchez reprobado no Senado
Os socialistas quedaron sós na defensa do titular de Transportes
O pleno do Senado aprobou este mércores unha moción do PP para reprobar ao ministro de Transportes, Óscar Puente, cos votos desta formación e os de Vox, Junts e Esquerra.
Os populares explicaron que a iniciativa se produce tralas "innumerables incidencias" ferroviarias acontecidas nos últimos meses, especialmente durante agosto, que lle afectaron a milleiros de usuarios en plenas vacacións.
O texto convida a Puente a dimitir pola súa "incapacidade para solucionar as incidencias na rede ferroviaria e pola súa pouca sensibilidade" coas protestas dos usuarios.
A reprobación conta co aval de socios do Goberno coma Esquerra. Os republicanos amosáronse moi críticos coa xestión do titular de Transportes con Rodalies. Un senador de Compromís mesmo o chegou a tachalo de "inútil".
O BNG tamén censurou o seu traballo en Galicia, pero non votou na súa contra. A senadora Carme da Silva dixo que non lle van facer o xogo a populares e socialistas.
Puente é o terceiro ministro do executivo de Pedro Sánchez reprobado no Senado. Este ano xa foron convidados a abandonar o Goberno, o responsable de Interior, Fernando Grande-Marlaska e o titular de Presidencia, Félix Bolaños.