Publicador de contidos
Publicador de contidos

O presidente da patronal galega anuncia unha reunión en xuño co comisionado do corredor atlántico

O presidente da patronal galega anuncia unha reunión en xuño co comisionado do corredor atlántico

Juan Manuel Vieites asegura que José Antonio Sebastián tamén se comprometeu a ter en outubro o Plan director do ramal noroeste 

O presidente da CEG considera que "é cedo" para retirar as axudas para paliar os efectos da inflación

G24.gal 21/05/2023 07:33 Última actualización 21/05/2023 09:09

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, anuncia nunha entrevista na Radio Galega que no mes de "xuño" terán unha reunión en Galicia co comisionado do Goberno para o corredor atlántico ferroviario. Na conversa no Galicia por diante fin de semana, Vieites dixo, ademais, que José Antonio Sebastián tamén se comprometeu a ter listo en "outubro" o Plan director do ramal noroeste deste nó ferroviario. Segundo Vieites, o propio Sebastián contactou con el para lle transmitir a intención de se reunir cos empresarios galegos unha vez pasen as eleccións do 28 de maio. O presidente da CEG facía o anuncio tras afearlle ao Ministerio de Transportes "falta de atención" ás peticións do noroeste ao lembrar  Vieites que "o comisionado xa hai dous meses e medio que ía ter unha reunión coas zonas e áreas". En todo caso explicou que o obxectivo da CEG é conseguir "igualdade de condicións" para Galicia, Asturias e Castela e León -o noroeste dese corredor- e modernizar o transporte ferroviario de mercadorías. 

"El díxome que para o mes de xuño vai vir aquí e vai estar connosco e intentar traballar conxuntamente e ver as cousas que el ten programado nese Plan director. Desde logo si que me asegurou que no mes de outubro imos ter o Plan director finalizado"

Trens Avril e A-6

O presidente da patronal galega admite que non lle gusta o novo atraso confirmado polo Ministerio na posta en marcha en Galicia dos trens AVRIL -de ancho variable- e di agardar que desta volta si se cumpran os prazos do Goberno. Segundo Vieites, "non nos gustan os atrasos, pensamos que cando se fai unha cousa e se di que ten un prazo de realización ten que cumprirse". Engadiu que, malia saber que "sempre hai algúns inconvenientes, esperemos que no mes de outubro-novembro deste ano teñamos eses trens en disposición para poder axilizar a velocidade ferroviaria en Galicia"

Axudas ante a inflación

Juan Manuel Vieites aposta por non retirar aínda as axudas para paliar os efectos da inflación tal e como está a considerar o Goberno. O presidente da CEG admite que haberá que acabar facéndoo a longo prazo pero considera que é "cedo" para facelo nestes momentos. "Creo que de cara a un horizonte temporal máis longo si se podería retirar pero hai outras que neste momento son moi necesarias e sobre todo cando dispomos duns fondos de recuperación e resiliencia que temos que aproveitar todos", argumentou. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade