Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda anunciará novas axudas para hipotecas no debate do estado da autonomía

Rueda anunciará novas axudas para hipotecas no debate do estado da autonomía

Avanzouno a vicepresidenta segunda, ao tempo que aseguraba que se incluirán nos orzamentos da Xunta para 2024

Ángeles Vázquez fala de aumento nos abandonos de animais de compañía dende a entrada en vigor da Lei de benestar animal

G24.gal 08/10/2023 11:25 Última actualización 08/10/2023 12:51

A vicepresidenta segunda da Xunta e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciará novas liñas axudas en materia de vivenda no debate do estado de autonomía que mañá comeza no Parlamento galego.

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, Ángeles Vázquez non entrou en detalle, limitouse a asegurar que serán para hipotecas e que estarán incluídas nos Orzamentos da Xunta de 2024. Segundo explicou, "vai haber novidades en vivenda cun esforzo propio que vai facer a Xunta de Galicia" 

"Haberá novas liñas de axuda. Nós temos un marco no cal nos movemos, é o Pacto social para a vivenda, onde están representados todos os colectivos (...). Temos cumprido o 90 % das liñas e a partir de aí témonos que adaptar ás necesidades socioeconómicas, e iso é o que vai facer a Xunta". 

Sobre o debate do estado de autonomía, Ángeles Vázquez asegura que será unha ocasión para que o presidente Rueda detalle o "proxecto para Galicia". Di agardar da oposición que se poidan "chegar a acordos", expresa a "vontade máxima" da Xunta para conseguilos e indica que deben centrarse "no que nos une", e o que "nos debe unir é Galicia"

Lei estatal de vivenda

Ángelez Vázquez, que é responsable de Vivenda na Xunta, aféalle ao Goberno central non ter fixada aínda data para a reunión da comisión bilateral Xunta-Estado en que abordar as diferenzas sobre a Lei estatal polo dereito á vivenda. Segundo explicou, "non ten data" e dende a Xunta non desbotan recorrer á xustiza como fixeron outras comunidades autónomas.

Insiste na necesidade de sentar para "dialogar" e "trazar as liñas vermellas que Galicia nunca vai permitir que se invadan, que son as competencias autonómicas".

Segundo expuxo, coa nova lei "hai gran confusión normativa e de inseguridade. Vemos que ataca o dereito á propiedade, prima os ocupas fronte aos propietarios e aposta por un modelo que é o intervencionista"

Lei estatal de benestar animal e xabaril

A conselleira de Medio Ambiente tamén cuestiona a Lei de benestar animal, e mesmo apunta que detectaron un aumento no abandono de animais de compañía dende a entrada en vigor da normativa estatal. 

"Notamos dende hai unha semana aproximadamente un incremento que así nos están trasladando as persoas cando chaman para dicirlle o persoal das protectoras pero tamén os nosos centros de recuperación que aparecen gatos e aparecen cans soltos". 

Ángeles Vázquez critica o Goberno central por poñer en marcha unha lei sen desenvolvemento regulamentario nin orzamentos e que obriga a administracións coma os concellos a asumir novas cargas

A conselleira de Medio Ambiente tamén aproveitou para criticar o Concello da Coruña e instalo a que lle solicite xa á Xunta as "gaiolas trampa" para atrapar os xabarís que dende hai unhas semanas se deixan ver pola cidade. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade