O presidente de Stellantis reclama a conexión ferroviaria de Mangualde e Balaídos cos portos de Vigo e Leixões
O presidente de Stellantis reclama a conexión ferroviaria de Mangualde e Balaídos cos portos de Vigo e Leixões
O presidente de Stellantis reclama a conexión ferroviaria de Mangualde e Balaídos cos portos de Vigo e Leixões
Esta reclamación expresa choca coa posición do Goberno municipal de Abel Caballero, que insistiu en rexeitar a obra porque supón "romper a cidade"
O CEO do grupo Stellantis, Carlos Tavares, destacou a necesidade de conexión ferroviaria da planta lusa de Mangualde cos portos de Vigo (dando tamén servizo á fábrica de Balaídos) e de Leixões.
Así o trasladou ao Goberno de Portugal, que presentará un paquete de 60 medidas de estímulo da economía e as empresas, e segundo recolle o xornal luso Jornal Económico. Preguntado nas últimas horas sobre as demandas de Stellantis, Tavares destacou esa conexión ferroviaria, da que apuntou as súas vantaxes ambientais e desvelou que "tomou o seu tempo, pero está a avanzar".
"Non está concluída aínda a última etapa de conexión directa á fábrica. Temos que levar os coches en camión. O ideal é unha conexión directa á fábrica, como noutras fábricas de automóbiles", sinalou Tavares, segundo recolle o medio portugués. "Menos camións na estrada, e é moito máis barato que transportar con camións", xustifica Tavares.
Esta reclamación expresa, sobre a que a dirección da planta de Stellantis en Vigo non se pronunciou, choca frontalmente coa posición do goberno municipal de Abel Caballero, que insistiu en rexeitar a obra porque supón "romper a cidade". "Mentres sexa alcalde, non se fará", proclamou en reiteradas ocasións.
Tanto a Autoridade Portuaria, como a Xunta e organizacións empresariais, insistiron na importancia de habilitar esa conexión ferroviaria, e de conectar tamén coa Plisan, para apontoar a competitividade da terminal, pero o alcalde trasladou a súa oposición e mesmo chegou a afirmar que "Stellantis tampouco a quere".
Ese rexeitamento tamén choca coa posición que mantiña o propio Caballero cando era presidente do Porto (entre 2005 e 2007), momento en que defendía que a terminal de Bouzas debía contar con conexión ferroviaria.