Rusia di que está preto dun acordo sobre seguridade con Ucraína
Rusia di que está preto dun acordo sobre seguridade con Ucraína
O presidente de Ucraína afirma que as negociacións con Moscova son "máis realistas"
As delegacións negocian o modelo de neutralidade do país
Rusia recrúa os bombardeos contra zonas residencias
O ministro de Exteriores ruso, Seguei Lavrov, asegurou este mércores que "está preto" de obterse un acordo sobre as garantías de seguridade con Ucraína, informan as axencias rusas.
"Hai unha serie de formulacións dos acordos con Ucraína sobre o estatuto de neutralidade e as garantías de seguridade que están a piques de lograrse", declarou Lavrov, segundo informou a axencia rusa Interfax.
Moscova e Kiev manteñen negociacións, que hoxe entran na súa sexta rolda, para lograr un acordo que acabe coa invasión de Ucraína ordenada polo presidente ruso, Vladimir Putin, o pasado 24 de febreiro.
Neses contactos, os dous últimos celebrados por videoconferencia, trátanse asuntos relacionados co logro dun cesamento do fogo ou o status futuro de Ucraína que, segundo Rusia, non pode entrar en organismos internacionais como a OTAN.
"Calquera opción posible, calquera garantía de seguridade xeralmente aceptable para Ucraína e para todos os países, incluída Rusia, pasa por que a OTAN non se amplíe", reiterou Lavrov nunha entrevista nunha canle local que reproduce Interfax. E "isto é exactamente o que se está discutindo agora nas conversacións, hai formulacións absolutamente concretas que, na miña opinión, están preto do acordo", engadiu.
Horas antes, o presidente de Ucraína Volodimir Zelenski afirmou nun discurso publicado esta madrugada que as posicións nas negociacións con Rusia para un cesamento do fogo son agora máis realistas, pero que aínda se necesita tempo para que as decisións "sexan de interese para Ucraína".
Zelenski recoñeceu onte que o seu país non poderá entrar na OTAN. O Kremlin apunta que ao exemplo de Suecia e Austria, desmilitarizado co seu propio exército. Unha opción que de momento rexeita Ucraína, que quere un modelo propio.
Rusia recrúa os bombardeos contra zonas residencias
O Exército ruso volveu a bombardear este mércores algúns barrios residenciais da capital, segundo o servizo estatal de Emerxencia ucraíno, onde polo menos dúas persoas resultaron feridas. Os ataques nesa zona provocaron o colapso dun edificio residencial de 12 plantas e o derrubamento doutra construción adxacente de nove pisos.
A embaixada estadounidense denuncia que as tropas de Putin asasinaron dez persoas que facían cola para mercar o pan en Chernígov.
Rusia atacou por primeira vez instalacións civís en Zaporiyia. Á cidade da maior planta nuclear de Europa chegaron milleiros de vehículos con persoas que fuxiron do horror da asediada Mariupol.
Alí as tropas de Putin seguen intentando facerse co control. Ademais, Ucraína acusa a Rusia de tomar como reféns 400 persoas nun hospital da cidade portuaria. Unhas 20.000 persoas lograron saír da asediada Mariupol.
O exército ruso tamén lanzou ataques sobre Odesa, que segue blindándose con barricadas para prepararse ante un posible desembarco.
E mentres recrúan os ataques, Rusia e Ucraína semellan avanzar no diálogo. Zelenski cre que as posicións son agora "máis realistas", e Lavrov di que pode estar cerca un acordo sobre o estatuto de neutralidade de Kíiv.
O presidente do país intervén nestes momentos ante o Congreso dos Estados Unidos, onde previsiblemente volverá pedir maior apoio militar.