O presidente do CES, a favor dun pacto de rendas para paliar os efectos da inflación
O presidente do CES, a favor dun pacto de rendas para paliar os efectos da inflación
Antón Costas apela aos pactos da Moncloa dos anos setenta
O gobernador do Banco de España defende unha política fiscal selectiva
O gobernador do Banco de España ou o presidente do Consello Económico e Social, propoñen un pacto de rendas e unha política fiscal selectiva, para paliar os efectos da elevada inflación. Antón Costas asegura que a estabilidade dos prezos é un ben público e fai un chamamento ao consenso.
Costas propón un contrato social máis amplo que o pacto de rendas, unha especie de pactos da Moncloa entre os dirixentes políticos que despois se estenderá ás empresas e ao restos dos implicados. Antón Costas apela aos anos setenta.
"Que fixemos a finais dos setenta? Uns aceptamos non pedir salarios moi elevados, porque iso afecta moito ás empresas pero, ao mesmo tempo, os outros consenten en que o que non dás no salario monetario, os euros da fin de mes, vas dalo a través doutro tipo de prestacións que lles baixan os custos ás familias".
Outro dos participantes no Foro da Toxa, o gobernador do Banco de España, advertiu, ao comezo da súa intervención, que só viña falar de desglobalización. Aínda así defendeu tamén o pacto de rendas, reformas estruturais, e unha política fiscal selectiva.
"Debe ser unha política presupostaria moi focalizada nos máis vulnerables e cunha natureza de carácter temporal para non botar máis leña ao lume da inflación e que tampouco se deteriore a sostibilidade das finanzas públicas".
Desde o Colexio de Economistas de Ourense lembran que a rebaixa de impostos é unha medida de manual para paliar as crises de prezos e amósanse escépticos sobre o novo imposto ás grandes fortunas aprobado polo Goberno.
"O enfoque do impositivo debería ser a curto prazo porque as grandes fortunas deberiamos atraelas, non crearlles cargas e demais".