O presidente do CES defende o diálogo social como fórmula para avanzar nun novo escenario cheo de incertezas
O presidente do CES defende o diálogo social como fórmula para avanzar nun novo escenario cheo de incertezas
O presidente do CES defende o diálogo social como fórmula para avanzar nun novo escenario cheo de incertezas
Antón Costas, relator do Foro La Toja, amósase partidario de regular os fluxos migratorios por medio de acordos entre os países emisores e receptores
O presidente do Consello Económico e Social aposta pola formación dual como solución á falta de man de obra en determinados sectores no país
Poucas horas antes da inauguración do Foro La Toja, este xoves, na Radio Galega entrevistaron o catedrático de Política Económica e presidente do Consello Económico e Social, Antón Costas, un dos relatores desta cita, que se prolongará ata o próximo 30 de setembro.
Costas trasladou as súas impresións sobre os cambios acaecidos no mundo nas últimas décadas. Remarcou en positivo, aspectos como a redución da pobreza ou a integración da China na esfera xeopolítica. En negativo, a perda de empregos ou o cambio climático.
Subliña Costas que "nos atopamos nun mundo cheo de incertezas no que resulta moi complicado adiviñar os pasos a dar". O presidente da CES apunta varias alternativas para afrontar os retos do mundo que está por vir. Deixando a un lado a tecnocracia e os autoritarismos, Costas avoga polo diálogo social como instrumento para que a sociedade avance.
"Cómpre abordar os problemas de forma colectiva, a través do acordo e o diálogo social. En España temos o exemplo da reforma laboral, que se levou a cabo con acordo entre empresarios e sindicatos, e saíu ben, traballando xuntos".
Falta man de obra
No ámbito laboral, Costas respondeu ao problema da falta de man de obra en determinados sectores en España. O presidente do CES defende a formación dual como a mellor alternativa para rematar con esas vacantes. Argumentouno á luz dos resultados dun dos últimos informes da entidade.
"As primeiras fornadas de alumnos de formación dual en España amosan que todo mellora. O abandono escolar é menor, o tempo entre a formación e o emprego tamén se acurta, as condicións laborais, os salarios son mellores e as empresas están máis contentas", expresou.
Costas defende a formación como ferramenta para fortalecer a saúde dos sistemas democráticos, porque nela se sosteñen as clases medias.
"Recuperemos as empresas comprometidas coa formación dos traballadores e a democracia non terá problema no futuro", destacou.
Debate sobre o pacto migratorio
Para Costas o fenómeno migratorio é un gran reto que cómpre regular, ó igual que se fixo no seu día co comercio, a nivel internacional. Para o presidente do CES, é un grande esforzo, pero é necesario chegar a acordos cos países emisores para ver como se poden regular os fluxos de persoas, especialmente naqueles casos nos que o que se busca é unha oportunidade para saír da pobreza.