Rueda acepta o encargo de someterse á investidura e será presidente o 14 de maio
Rueda acepta o encargo de someterse á investidura e será presidente o 14 de maio
"Continuidade non é continuísmo", di o aínda vicepresidente
O BNG votará "non ao secundario de Feijóo"; o PSdeG, que en principio lle ía dar uns "días de cortesía", aclara que tamén vota en contra
O vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda aceptou este luns a encarga de someter a súa candidatura ao debate de investidura no Parlamento para a remuda de Alberto Núñez Feijóo á fronte do Executivo galego.
Despois de reunirse co presidente do Parlamento Miguel Santalices, quen lle comunicou a proposta oficial da súa candidatura por parte do PPdeG, Rueda expresou o seu "profundo agradecemento", asegurou que é "a maior honra", e comprometeuse a ser "o presidente de todos os galegos e galegas" se resulta elixido.
Sen querer desvelar nada respecto á formación do novo Goberno, Rueda si apuntou que non parte "de cero", senón que hai un labor realizado polo actual Executivo do que tentará "coller todo o bo" e, ao mesmo tempo, "transmitir novas ideas" nese discurso de investidura.
Rueda puntualizou que "continuidade non é continuísmo". Especificou que cando se fala de "continuidade" á fronte da Xunta tras a marcha de Núñez Feijóo iso "non é continuísmo", xa que hai "moitas cousas que seguir e conservar", pero tamén "moitísimas cousas novas por facer".
Máis aló de que o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía Francisco Conde seguirá no Goberno se así o quere, Rueda non desvelou nada sobre o resto do Executivo á parte de que vai contar "cos mellores homes e mulleres con independencia da súa orixe e o seu territorio".
Calendario de investidura
Rematados os trámites da dimisión do presidente da Xunta, activouse o procedemento parlamentario que o fará presidente do Goberno galego. Miguel Santalices realizou unha rolda de consultas e citou para este luns os portavoces dos tres grupos con representación no Hórreo para propoñer candidato.
De menor a maior representación parlamentaria, reuníronse co presidente do lexislativo Luís Alvárez, do PSdeG; Ana Pontón, do BNG, e Pedro Puy, por parte do PPdeG.
Santalices ratificoulles que a toma de posesión de Rueda será o sábado 14 de maio. A maioría absoluta de 42 deputados que teñen os populares disipa calquera dúbida sobre a remuda.
A sesión de investidura arrincará o 10 de maio co discurso do candidato proposto polo Partido Popular. Corenta e oito horas despois retomarase coa intervención dos portavoces dos grupos parlamentarios.
Tras o debate, nesa mesma xornada, producirase a votación, en que o candidato deberá recibir o apoio da maioría absoluta da Cámara. Nesta votación participará o propio Alberto Núñez Feijóo antes de abandonar a súa acta como deputado do Parlamento de Galicia.
Na xornada posterior, o xefe do Lexislativo comunicará ao rei o nome do próximo presidente da Xunta, que tomará posesión nunha sesión solemne o vindeiro sábado 14 de maio.
Puy traslada a Santalices a proposta de Rueda
Pedro Puy, portavoz do Grupo Parlamentario Popular, foi o encargado de comunicar a Miguel Santalices o nome de Alfonso Rueda como candidato a presidir a Xunta de Galicia.
Puy deu por feito, cando lle preguntaron polo "estilo Rueda", que o pontevedrés dará "continuidade" ao mandato programático do PPdeG ratificado nas urnas, pero tamén imprimirá o seu propio "saber facer" e a súa "forma de actuar".
O PSdeG primeiro dá uns días de cortesía e despois anuncia o voto en contra
Desde as filas do PSdeG, o seu portavoz parlamentario Luís Álvarez dicía esta mañá tras reunirse con Miguel Santalices que lle darían a Rueda "uns días de cortesía", mentres esperan a escoitar cales son as súas propostas, agardando "unha nova orientación das políticas do Goberno galego".
Unhas horas máis tarde, o secretario xeral dos socialistas galegos Valentín González Formoso negaba ese extremo e dicía que votarían en contra da investidura de Alfonso Rueda.
Unhas horas máis tarde, o secretario xeral dos socialistas galegos Valentín González Formoso negaba ese extremo e dicía que votarían en contra da investidura de Alfonso Rueda.
“En contra dunha candidatura que é absolutamente legal pero que carece da lexitimidade do apoio político directo do pobo galego”, subliñou González Formoso, quen cre que “unha mesa de braseiro de repartición de poderes entre baróns provinciais do PP non pode substituír unha vontade popular”.
Formoso tamén dixo que non espera que Rueda cambie o rumbo da Xunta. “Despois de doce anos compartindo proxecto, erros e acertos, porque algún acerto terían, entendo que non haberá grandes cambios”, sinalou.
O BNG cualifica a Rueda de "secundario de Feijóo"
A voceira nacional do BNG Ana Pontón anunciou que o seu grupo "non apoiará" a investidura de Alfonso Rueda como presidente da Xunta porque non poden "apoiar o 'secundario' de Feijóo durante todos estes anos".
“Vai ser o mesmo voto que tivemos con Feijóo, o non. Sería estraño que nos abstivésemos, cando Rueda foi o "secundario" na Xunta durante os últimos 13 anos e foi o número dous dun Goberno responsable de deixar unha Galicia peor que a que había en 2009".