O Produto Interior Bruto de 2021 e 2022 foi revisado á alza polo INE, por María Cadaval
O Produto Interior Bruto de 2021 e 2022 foi revisado á alza polo INE, por María Cadaval
Estivo impulsado polo consumo privado, o bo desempeño do sector exterior e o mellor comportamento da industria manufactureira e das actividades profesionais e científicas
O Instituto Nacional de Estatística publicou os datos de revisión do PIB correspondentes ao trienio 2020-2022. Este exercicio de corrección das series de Contabilidade Nacional realízase de forma regular en todos os países da UE, a medida que as estimacións deixan paso aos datos actualizados.
Esta pode non ser a última revisión que se faga, pois faltan aínda por incorporar os datos da Enquisa de Orzamentos Familiares de 2022 que podería alterar, aínda que de xeito mais residual, o crecemento adicional coñecido onte.
Este feito non é singular de España senón que xa outros países publicaron as correspondentes revisións, como é o caso de Francia, que revisou á baixa en -0,4 puntos, Reino Unido á alza en 1,1 puntos, Alemaña en 0,6 puntos ou os Países Baixos cun incremento de 1,3 puntos. As revisións mais grosas teñen a ver coa corrección do 2021, un exercicio en que a medición estatística topou de fronte coa dificultade de estimar distorsionada polo impacto da pandemia.
O produto Interior Bruto (PIB) de España posterior ao ano do confinamento medrou un 6,4 % (0,9 % mais do estimado inicialmente para 2021) e un 5,8 % en 2022 (0,3 puntos mais).
A actualización da serie das contas nacionais para os tres exercicios, 2020, 2021 e 2022, conduce a unha estimación do PIB anual a prezos correntes de 1.346.377 millóns de euros, é dicir, un 1,5 % superior ao nivel inicialmente estimado.
Finalmente, a caída do PIB no ano da pandemia quedaría no 11,2 %, e a súa recuperación conseguiríase realmente no 2022 e non no primeiro trimestre do 2023, como apuntaron os datos preliminares.
Así, o crecemento en 2021 e 2022 foi maior ao estimado inicialmente, estivo impulsado polo consumo privado, o bo desempeño do sector exterior e o mellor comportamento da industria manufactureira e das actividades profesionais e científicas.
Será ese dinamismo o que permita medrar de forma diferencial, aínda que desacelerada, neste ano 2023. Mais cómpre prestar atención ao matiz da composición da revisión para o ano 2022, que agora revela unha menor achega da demanda nacional (2,9 % fronte ao 3,1 % previo) unha maior contribución da demanda externa (2,9 % fronte ao 2,4 %).
Todo en orde, aínda que cun peso relativo da débeda pública sobre PIB inferior ao estimado até o de agora, que baixa do 112 % ao 110 % do PIB, en todo caso, nada cambia en termos reais.