O proxecto Sensoxenoma logra 300 mostras de ADN para estudar os efectos da música nos xenes
O proxecto Sensoxenoma logra 300 mostras de ADN para estudar os efectos da música nos xenes
A Real Filharmonía de Galicia volveu pór a súa música ao servizo da ciencia
Os investigadores demostraron xa que os pacientes con alzhéimer son máis sensibles aos estímulos musicais que as persoas sas
Agora camiñan na procura de novas evidencias que abran esperanzas para tratamentos para as enfermidades neurodexenerativas
"Oxalá que cheguemos ao punto de que o médico nos receite dez minutos de Brahms e unha sinfonía de Mozart en vez dun medicamento", di Baldur Drönnimann, director da Real Filharmonía de Galicia.
Os desexos do director da orquestra semellan a día de hoxe inalcanzables, pero o camiño iniciado polos investigadores Antonio Salas e Federico Martinón vai na mesma dirección.
Demostraron que a música xera unha expresión xenética diferente en pacientes con patoloxías neurodexenerativas que nas persoas sas. Agora queren ir un chanzo máis adiante no seu proxecto Sensoxenoma.
"Aínda é un pouco cedo para saber o impacto que van ter estas investigacións a efectos prácticos de tratamentos e terapias, pero empeza a haber resultados moi interesantes (que mesmo superan as nosas expectativas do inicio), que poderían axudar a entender eses efectos beneficiosos que se lle atribúen á música en pacientes con alzhéimer ou autismo".
"Nas persoas con enfermidades neurodexenerativas, o número de xenes que se modifican co estímulo da música é case o dobre do dunha persoa sa, e o que máis nos sorprendeu é que os xenes se estimulan dunha forma inversa á enfermidade, coma se tratasen de compensar a resposta anómala que ten pola enfermidade", afirma Federico Martinón, investigador principal de Sensoxenoma.
Esta tarde recolleron mostras de ADN, en sangue e da saliva dunhas 300 persoas do público en distintos momentos do recital.
"Agora que xa temos resultados, ademais de ter esta enorme resposta social, a ver se temos patrocinadores. De momento, só boas palabras, que agardamos que se concreten. Cremos que merece a pena, xa non é só un proxecto na fronteira do coñecemento, senón que é unha realidade que pode saír de Galicia para o mundo", engade Federico Martinón.