O PSdeG súmase á marcha de Queremos Galego e pide unidade para reverter a perda de falantes
O PSdeG súmase á marcha de Queremos Galego e pide unidade para reverter a perda de falantes
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, defende a necesidade de poñer en marcha un cambio de rumbo nas políticas sobre o galego que “sexa un éxito”
O PSdeG sumarase á manifestación do próximo 17 de novembro organizada por Queremos Galego co obxectivo de artellar unha “declaración unitaria” que permita “medidas ben planificadas e ben dotadas economicamente para reverter a perda do uso do idioma propio”.
Así o sinalou o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, tras reunirse con representantes da plataforma Queremos Galego, con quen coincidiu na necesidade de poñer en marcha un cambio de rumbo nas políticas sobre o galego que “sexa un éxito”.
Besteiro incidiu en que hai que traballar para “evitar que o seu uso siga caendo” e, neste sentido, lembrou que unha das primeiras propostas que lle trasladou a Rueda ao comezo desta lexislatura foi un gran pacto en favor da lingua.
A xuízo do socialista, o presidente da Xunta “debe poñer sobre a mesa medidas urxentes” articuladas arredor dun programa de traballo e de fondos, polo que este compromiso, entende, ha de estar reflectido nos orzamentos de 2025.
Urxiu Besteiro a posta en marcha de medidas dado que “os últimos datos son terribles, xa que reflicten que o noso idioma desapareceu por completo das vidas do 50 % das persoas menores de 30 anos”.
Ante esta situación, considera que o presidente galego “debe asumir responsabilidades propias para poder avanzar e non xogar ao escapismo”.