O PSOE adianta o PP e gañaría as eleccións con 1,9 puntos de vantaxe, segundo o CIS
O PSOE adianta o PP e gañaría as eleccións con 1,9 puntos de vantaxe, segundo o CIS
Os socialistas recuperan a primeira praza tras as sondaxes de decembro e novembro que liderou o PP
O PSOE sería o vencedor nunhas hipotéticas eleccións, co 34 % dos votos e unha diferenza de 1,9 puntos sobre o PP, que quedaría co 32,1 % dos sufraxios, segundo o último barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS).
Esta sondaxe, realizada entre o 2 e o 5 de xaneiro, revela ademais que Sumar quedaría co 9,7 % do voto estimado e Podemos -ao que o CIS xa separa da formación liderada por Yolanda Díaz- tería un 2,7 %.
A diferenza entre socialistas e populares débese a que o PSOE sobe 2,2 puntos desde a anterior mostraxe, á vez que os de Alberto Núñez Feijóo perden 1,1 puntos, logo de liderar os barómetros de decembro e novembro.
Vox situaríase como cuarta forza, cunha porcentaxe estimada de voto do 8,3 %.
A sondaxe do CIS dálle ao BNG unha estimación de voto do 0,7 %.
Sinala a enquisa que Pedro Sánchez é o líder máis valorado, dos catro polos que pregunta, e quen sen chegar ao aprobado obtén un 4,42 de nota media. A pouca distancia sitúase Yolanda Díaz cun 4,40. Tras ela estaría Alberto Núñez Feijóo, cun 4,16, e en cuarto lugar o líder de Vox, Santiago Abascal, cunha nota de 2,64.
A sondaxe pregunta pola valoración dos ministros, incluídas as novas incorporacións ao gabinete. Os dous máis valorados son Margarita Robles, que logra un 5,43, e Ernest Urtasum, cun 5,00. Os que sacan peor nota son Fernando Grande-Marlaska, cun 4,14, e Óscar Puente, cun 4,23.
Nadia Calviño, xa fóra do Executivo, deixa atrás a vicepresidencia primeira do Goberno e as responsabilidades en economía cunha nota de 5,69.