O PSOE amosa o seu malestar pola insólita alianza parlamentaria de Sumar e o PP
O PSOE amosa o seu malestar pola insólita alianza parlamentaria de Sumar e o PP
PP e Sumar apóianse mutuamente en dúas votacións no Congreso
María Jesús Montero cualifica o xesto de "incomprensible"
Íñigo Errejón cre que a súa estratexia representa unha "vitoria ideolóxica" sobre a dereita
Primeiro, o PP conseguiu sacar adiante, grazas á abstención de Sumar, a súa iniciativa para que o Congreso controle o envío de armas ao estranxeiro. Acto seguido, os populares apoiaron unha proposta de Sumar para obrigar a banca a renegociar as hipotecas con cláusulas abusivas.
Esta alianza, inusual, enfadou os socialistas. A número dous do Goberno, a vicepresidenta María Jesús Montero, cualificouna de "incomprensible".
Para Patxi López, voceiro do PSOE no Congreso, "os de Sumar elixiron francamente mal os compañeiros de viaxe" e tirou dun chiste clásico: "ou a setas ou a rólex, creo que onte non sabían ben a que ían".
Gabriel Rufián, voceiro de ERC, tamén se mofou do acontecido. "Oxalá algún día Sumar entre no Goberno e poida cambiar as cousas", díxolle á prensa nos corredores do Congreso.
Sumar admite que houbo conversas co PP, pero nega un pacto. Non entende o malestar do PSOE. Para o seu voceiro, Íñigo Errejón, "que os teus adversarios acaben vindo ó terreo da axenda social é unha vitoria ideolóxica" e insiste en que os seus, "ideoloxicamente, non nos movemos nin un pelo".
Para os populares, trátase dunha mostra máis da división que hai dentro do Goberno e que o acontecido "non debe sorprender", en palabras do seu deputado Elías Bendodo.