Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PSOE descarta un adianto electoral e define a Feijóo como "populista e ultradereitista confeso"

O PSOE descarta un adianto electoral e define a Feijóo como "populista e ultradereitista confeso"

Están satisfeitos co resultado das europeas porque "resistir é gañar"

Reivindícanse como o dique para frear o "dragón de tres cabezas" en que se converteu a ultradereita en España

Esíxenlle a Feijóo que abandone a estratexia "de confrontación permanente"

Os socialistas analizaron os resultados na executiva presidida por Pedro Sánchez
G24.gal 10/06/2024 14:16

"Se alguén esperaba algún tipo de adianto electoral, que abandone todo tipo de esperanza".  Os socialistas pechan filas e dan por ben rematado este longo ciclo electoral. Nas europeas deste domingo perderon un escano, quedaron en 20. Din que se trata dun resultado "satisfactorio" porque "resistir é gañar". E réstanlle importancia a que a distancia co PP sexa cada vez maior.

Os de Feijóo sacáronlle 700.000 votos e catro puntos, respecto das xerais do xullo pasado. Non culminaron a remonta, pero en Ferraz din que salvaron o plebiscito presentado polo PP. "Creo que na foto contra Sánchez non hai nada que facer e o señor Feijóo sae un pouco tosquiado", di a cabeza de lista do PSOE, Teresa Ribera. 

A vicepresidenta do Goberno fai esta reflexión: "Nós estamos a dous escanos de gañar e eles pensaron que ían arrasar o Partido Socialista. Polo tanto, eles fracasaron e nós mantivémonos".

Os socialistas aguantaron grazas a Cataluña e a derruba dos seus socios pola esquerda, moi especialmente Sumar, a quen lle recomendan "reflexionar".  

No PSOE culpan a Feijóo dos bos resultados de Vox e do partido de Alvise Pérez (Se acabó la fiesta), e reivindicase coma o muro capaz de facerlle fronte ao "monstro de tres cabezas" no que se converteu a ultradereita en España. 

Rematado este ciclo electoral, en Ferraz piden pasar páxina e deixar atrás este clima de tensión política. Pídenlle ao PP e a Alberto Núñez Feijóo a quen definen coma "populista e ultradereitista confeso" que "pare xa" e que deixe atrás a estratexia de "insultos e descualificacións".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade