O PSOE pide o cesamento ou dimisión de Tellado "por utilizar as vítimas da ETA"
O PSOE pide o cesamento ou dimisión de Tellado "por utilizar as vítimas da ETA"
O voceiro do PP no Congreso replica que quen "utiliza" as vítimas é o Goberno
O PSOE pediu este xoves a dimisión ou o cesamento inmediato do portavoz do PP no Congreso, Miguel Tellado, por "instrumentalizar" as vítimas do terrorismo e utilizar a súa memoria de forma "desprezable" durante o pleno deste mércores na Cámara.
Tellado mostroulle á vicepresidenta primeira do Goberno, María Jesús Montero, as fotografías de doce cargos socialistas asasinados pola ETA e preguntoulle se ía ser capaz de mirar aos ollos ás súas familias tras pactar con EH Bildu.
Patxi López, voceiro do PSOE no Congreso, cualificou a actuación de Tellado como "o máis repugnante que vin en moito tempo aquí nesta cámara", e destacou que "tivo resposta das propias vítimas".
"E esa resposta das vítimas gustaríame que lle servise ao Partido Popular para reflexionar, e para pensar que hai límites que nunca deberon cruzar e que nunca máis deberán cruzar", aseguraba López nos corredores do Congreso, aínda que matizaba: "Teño poucas esperanzas disto".
Tellado responde asegurando que é o Goberno quen utiliza as vítimas
O portavoz do PP no Congreso, Miguel Tellado, replicou que quen utiliza as vítimas do terrorismo da ETA é o Goberno.
"É normal que haxa queixas das vítimas do terrorismo porque a realidade é que o Goberno está a utilizar as vítimas do terrorismo como moeda de cambio", afirmou Tellado á súa chegada este xoves ao pleno do Congreso, ao ser cuestionado polas queixas dalgunhas vítimas ante a súa intervención.
O dirixente do PP puxo así o foco no Goberno, ao que lle pediu de novo que retire a reforma legal que permitirá validar penas de prisión cumpridas noutros países comunitarios, beneficiando a presos da ETA, antes de que se debata no Senado o vindeiro luns.
O portavoz parlamentario do PP sinalou que o líder de EH Bildu, Arnaldo Otegi, falou de "orzamentos por presos" e "o Goberno está a cumprir".
"Queremos chamar a atención de toda a cidadanía sobre este feito: o Goberno pode parar este disparate, cremos que debe facelo", recalcou.