O PSOE rexistra a lei de amnistía en solitario: "É impecable constitucionalmente"
O PSOE rexistra a lei de amnistía en solitario: "É impecable constitucionalmente"
A proposición de lei non leva as sinaturas dos seus socios de investidura
En Sumar están "sorprendidos" porque os socialistas rexistraran a proposición de lei en solitario e "sen comunicárllelo"
O PSOE rexistrou no Congreso a proposición de lei de amnistía en solitario. Non estaban incluídas as firmas dos seus socios parlamentarios de investidura: Sumar, Junts, ERC, EH Bildu, PNV e BNG.
Fontes do PNV tamén sinalaron que non asinaron a iniciativa porque as partes negociadoras non o requiriron, aínda que "en liñas xerais" están de acordo con o texto da proposición de lei.
A proposición de lei foi trasladada este luns á mañá aos partidos interesados para que fose analizada, despois de que a presidenta do Congreso Francina Armengol fixase a data da investidura de Pedro Sánchez para o mércores e xoves desta semana.
O ministro da Presidencia en funcións Félix Bolaños explicou en conferencia de prensa na Cámara Baixa os pormenores da lei. Bolaños, recalcou que a proposición de lei de amnistía é "plenamente constitucional" tanto no contido como na súa finalidade, "sen ningún xénero de dúbidas".
O ministro relatou que a amnistía é "un instrumento político recoñecido no dereito internacional". E engadiu: "É un paso de xigante para a convivencia e reencontro en Cataluña". Do que evitou pronunciarse foi sobre a presentación en solitario, sen as sinaturas do socios de investidura.
En Sumar están "sorprendidos"
En Sumar están sorprendidos de que o PSOE rexistrase en solitario a proposición de lei de amnistía de maneira telemática e sen comunicárllelo previamente. Segundo informaron na coalición de Yolanda Díaz, o PSOE non lles deu ningunha explicación de por que tomaron a decisión de presentar o texto sen a sinatura de ningún dos socios de investidura independentistas e nacionalistas, e están a esperar que o fagan.
A proposición de lei orgánica de amnistía para a normalización institucional, política e social en Cataluña, que borra os delitos relacionados co procés cometidos durante unha década e que exonera de forma expresa o expresident Carles Puigdemont e o resto de fuxidos, terá que pasar agora á Mesa do Congreso para ser admitida a trámite.