O regadío da Limia fixa en 2026 o ano en que xa deba estar modernizada a súa rede
O regadío da Limia fixa en 2026 o ano en que xa deba estar modernizada a súa rede
O investimento previsto chega ata os 35 millóns de euros e deberá permitir reducir os custos e ser máis respectuoso co medio
A Xunta amosa o seu malestar por non ser convocada á xuntanza cos regadores por parte da Sociedade Estatal de Infraestruturas Agrarias
Agricultores da Limia consideran fundamental a modernización do regadío para supervivencia do sector. O Goberno central fixa para 2026 a posta en funcionamento das novas infraestruturas cun investimento que sobe ata os 35 millóns de euros.
A auga é fundamental para garantir a produción de patacas nestas terras. "Xa o ano pasado tivemos moitos problemas co tema da seca. Ao final xa case non había auga, porque o nivel do río baixa e non había maneira posible. Este regadío é a única saída que temos", di Amador Saborido, presidente da comunidade Nova Limia, que agrupa todos os regadores.
Unha modernización do sistema de regadío polo que levan agardando dende hai tempo e que permitiría, ademais de ser máis respectuoso co medio ambiente, reducir os custos de produción por hectáreas dos 500 aos 300 euros.
"Que imos ter auga en todas as leiras ao pé da leira, sen andar con tubaxes, nin cruzamento de pistas e con moito traballo e moitos gastos", explica Amador.
As obras comezarían o ano que vén e estarían listas en 2026, segundo lles adiantou o presidente da Sociedade Estatal de Infraestruturas Agrarias. Unha xuntanza á que Xunta non estaba convocada, polo que lle remitiron unha carta mostrando o seu malestar.
"Lealdade institucional e colaboración entre administracións nunha cuestión tan importante para a comarca da Limia", pide o conselleiro do Medio Rural, José González, quen explica que "a Xunta asumiu compromiso o financiamento dos pozos para a modernización do regadío: 4 millóns de euros con fondos propios da comunidade autónoma".
"Tampouco a Confederación Hidrográfica do Miño Sil, que fixo un papel moi importante de concesións e se puxo sempre a disposición, non estaba tampouco nesta reunión. Non se creu conveniente", responde Emilio González Afonso, subdelegado do Goberno en Ourense.
Din que só foi unha xuntanza informativa para ultimar o convenio que terán que asinar os regadores coa sociedade estatal. Na carta remitida ao ministerio, a Xunta reclama ademais que cumpra o compromiso de asumir o 80 por cento do custo total das obras, IVE incluído.