Filipe VI asina a primeira reforma da Constitución do seu reinado
Filipe VI asina a primeira reforma da Constitución do seu reinado
Sancionou o cambio do artigo 49 co que se substitúe a palabra 'diminuído' pola expresión 'persoa con discapacidade'
É a terceira reforma constitucional dende 1978
O rei Filipe VI sancionou este xoves no Palacio da Zarzuela a reforma do artigo 49 da Constitución española, coa que se substitúe a palabra 'diminuído' pola expresión 'persoa con discapacidade', unha reclamación do movemento social da discapacidade dende hai dúas décadas.
O xefe do Estado autorizou coa súa firma a entrada en vigor do novo texto en que se establece que "as persoas con discapacidade exercen os dereitos previstos neste título en condicións de liberdade e igualdade reais e efectivas". E engade que "se regulará por lei a protección especial que sexa necesaria para o devandito exercicio".
Ademais, no segundo punto do novo texto consta que "os poderes públicos impulsarán as políticas que garantan a plena autonomía persoal e a inclusión social das persoas con discapacidade, en contornas universalmente accesibles. Así mesmo, fomentarán a participación das súas organizacións, nos termos que a lei estableza. Atenderanse particularmente as necesidades específicas das mulleres e os menores con discapacidade".
O acto tivo lugar no Salón de Audiencias do Palacio da Zarzuela, en presenza do xefe do Goberno, Pedro Sánchez, quen asinou a reforma antes de facelo o rei, e dos máximos representantes do poder lexislativo e do xudicial.
Tras a sanción do Rei, o novo texto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE)
Reclamación histórica do CERMI
O Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) celebrou "a culminación con ben dun proceso longamente anhelado polo movemento social da discapacidade que robustece e alarga a democracia española".
Foi o pasado 25 de xaneiro cando o Pleno do Senado aprobaba definitivamente a reforma do artigo 49 da Constitución para substituír a palabra 'diminuído' por 'persoa con discapacidade', con todos os partidos a favor menos Vox. A proposta levou a cabo pola vía exprés, tal e como acordaron o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o líder do Partido Popular (PP), Alberto Núñez Feijóo.
A reforma constitucional do artigo 49 foi impulsada polo Comité de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) en 2018 e, xunto ao apoio da entón vicepresidenta do Goberno, a socialista Carmen Calvo, chegou ao Congreso cun acordo unánime para substituír o artigo por un novo texto "máis acorde aos novos tempos".
Terceira reforma constitucional dende 1978
O deste xoves, foi o primeiro cambio na Carta Magna durante o reinado de Filipe VI e o terceiro que se asina dende 1978. As dúas modificacións anteriores da Constitución producíronse nos anos 1992 e 2011, sendo Don Juan Carlos quen ocupaba o Trono e o encargado de sancionalas.
O cambio de 1992 concedeu aos cidadáns estranxeiros o dereito a votar e a presentarse como candidatos nas eleccións municipais, e introduciuse en cumprimento do Tratado de Maastrich. A reforma de 2011 converteu a estabilidade orzamentaria en mandato, e foi proposta polo expresidente do Goberno José Luis Rodríguez Zapatero (PSOE) a Mariano Rajoy (PP) ante as presións de Bruxelas, e co obxectivo de conter a especulación dos mercados sobre a débeda española.