O rei reivindica o "carácter" de España e apela á "afouteza" para os retos presentes
O rei reivindica o "carácter" de España e apela á "afouteza" para os retos presentes
Filipe VI pediu na ofrenda ao Apóstolo polos afectados polos incendios
Tres paracaidistas saltan dende un avión á praza do Obradoiro despois da ofrenda ao Apóstolo
Só 260 persoas puideron estar presentes no Obradoiro para a chegada dos Reis
O rei asistiu por terceiro ano consecutivo á ofrenda ao apóstolo en Santiago, acompañado, como o ano pasado, pola raíña Letizia, a princesa Leonor e a infanta Sofía.
Filipe VI comezou a ofrenda cunha mensaxe de apoio para os afectados polos incendios das últimas semanas en España e de pésame para os familiares dos falecidos por mor do lume. Tamén recoñeceu o "esforzo titánico" dos que traballan nas tarefas de extinción.
O rei lembrou que o primeiro ano deste bienio Xacobeo, o 2021, estivo marcado pola dor das consecuencias da pandemia, e que neste 2022 as incertezas no eido sanitario se estenden á paz e á economía. A complexidade da situación actual, defendeu o monarca, é evidente e supón novamente un reto colectivo de grande envergadura.
"A afouteza que o paso dos séculos impregnou todas as sendas que nos traen ata aquí axude a afrontar con azos renovados as dificultades do presente. Ao igual que a luz da torre Berenguela nos orienta cara o Apóstolo, os valores inmutables da peregrinación guiarannos de novo na superación das adversidades", dixo Filipe VI.
O arcebispo de Santiago, Xulián Barrio, acolleu a invocación do rei, pedíndolle ao Apóstolo polos que morreron no mar e polas vítimas dos incendios e das guerras.
"Que o desexo de paz en tódolos países do mundo se faga realidade. Oxalá que o único fume que voe as alturas sexa o do Botafumeiro", respondeu o arcebispo na homilía.
E o botafumeiro puxo fin á misa da Ofrenda ao Apóstolo que Filipe VI preside por cuarta vez dende que é Rei e unha tradición da Coroa dende 1643.