O rei Xoán Carlos, en Sanxenxo: case tres horas navegando no Bribón e maior discreción
O rei Xoán Carlos, en Sanxenxo: case tres horas navegando no Bribón e maior discreción
Sen posados nin declaracións, a discreción segue marcando a visita a Sanxenxo
Pasaba das once da mañá cando o rei Xoán Carlos saía en coche da residencia de Pedro Campos para dirixirse ao porto deportivo de Sanxenxo. Case un ano despois da súa primeira visita desde que vive en Abu Dhabi, reencontrábase coa tripulación do Bribón, o barco do seu amigo e anfitrión.
Axudado polos regatistas e o seu escolta subiu, non sen dificultade, á embarcación deportiva para comezar unha xornada de navegación. Ante a atenta mirada dalgúns curiosos e un número considerable de xornalistas e reporteiros gráficos, o rei Xoán Carlos puxo lentes e viseira e despediuse dos que quedaban en terra. Era case mediodía cando o barco soltou amarras.
Estivo máis de dúas horas e media no mar adestrándose por se finalmente se anima a participar na regata do Campionato de España de Vela desta fin de semana.
Eran case as tres da tarde cando o barco regresaba a porto. Non había sol e a tripulación do Bribón, incluído o rei, volvía máis abrigada de como saíra ao mar. Especulouse coa posiblidade de que puidesen facer unha parada no Real Club Náutico, pero finalmente o rei e Pedro Campos marcharon por onde viñeran de regreso á casa.
O rei Xoán Carlos volveu corresponder aos saúdos que lle facían, pero non fixo declaracións nin contestou as preguntas dos xornalistas. A discreción está marcando a axenda desta visita do rei Xoán Carlos. Este venres podería repetir outra xornada de adestramento no mar.