O rei Xoán Carlos xa está en Sanxenxo
O rei Xoán Carlos xa está en Sanxenxo
O rei regresa a España tras dous anos en Abu Dhabi
A infanta Helena espera a Xoán Carlos I no aeroporto de Peinador
O rei Xoán Carlos I chegou ao aeroporto de Peinador e desde alí trasladouse en coche á localidade de Sanxenxo, onde ten previsto permanecer ata o luns 23, cando se desprazará a Madrid para reunirse no Palacio da Zarzuela con Filipe VI, a raíña Sofía e os demais membros da súa familia antes de volver a Abu Dhabi.
O avión privado, matriculado en Aruba co distintivo de P4-BFL, aterrou no aeroporto vigués pasadas as sete da tarde, despois de case oito horas de voo.
En Peinador, o rei foi recibido polo seu amigo Pedro Campos e pola súa filla a infanta Helena, que chegara unha hora antes nun voo regular procedente de Madrid. Pedro Campos agardouno a pé de pista para levar o rei e máis a infanta en coche á casa que o regatista ten en Sanxenxo e onde se van hospedar.
Pasadas as oito da tarde, o rei Xoán Carlos chegaba á localidade pontevedresa nun coche conducido por Pedro Campos, sentado no asento dianteiro, coa súa filla Helena na parte traseira, xunto á compañeira do presidente do Náutico de Sanxenxo.
Varias decenas de veciños recibíronos con bandeiras de España na man e aplausos. Antes de acceder ao domicilio do regatista, o rei Xoán Carlos baixou a ventá do coche para saudar. Nese momento, os xornalistas preguntáronlle como se atopa e que sente tras 21 meses fóra de España. Xoán Carlos non contestou, pero si levantou o seu dedo polgar para indicar que todo vai ben.
Xoán Carlos decidirá mañá se participa no trofeo InterRías do circuíto Copa España 2022 de clase 6 mR, a regata que organiza o Real Club Náutico. Aínda que está en boa forma hai tempo que non navega. Antes de decidir se finalmente navegará, acudirá ao acto de benvida que terá lugar no Náutico e ao que asistirán distintas autoridades.
Sanxenxo está no centro de todas as miradas. O municipio ultima os preparativos para ter todo a punto á chegada do rei. Ao evento deportivo que atrae cada ano milleiros de persoas súmase a grande expectación pola visita do rei.
Os hoteis da vila e arredores están completos, tamén a hostalería, e os comerciantes prepáranse para unha inxección económica.
A súa relación con Sanxenxo é histórica pero intensificouse desde o 2015, cando tras varias operacións volveu atoparse co mar. Desde entón as súas visitas foron máis frecuentes e sempre da man do seu amigo Pedro Campos.
Con Sanxenxo ten un idilio e mesmo nalgunha ocasión se animou co galego. Foi aquí onde o rei pasou algunhas horas do seu último día en España, e agora volve elixir este destino para o seu primeiro día no país tras case dous anos.