Publicador de contidos
Publicador de contidos

O rei Xoán Carlos reencontrouse cos vellos amigos e coa cidadanía no seu primeiro día en Sanxenxo

O rei Xoán Carlos reencontrouse cos vellos amigos e coa cidadanía no seu primeiro día en Sanxenxo

Saíu ao mar na embarcación auxiliar do Bribón

G24.gal 20/05/2022 21:02

Saudando e coa ventá do coche baixada, o rei Xoán Carlos chegou ao Club Náutico de Sanxenxo a media mañá para preparar a regata co resto de patróns. Unha rutina habitual, desta vez cargada de simbolismo.

Na práctica, foi un reencontro con vellos compañeiros e o seu primeiro contacto coa cidadanía tras a súa marcha a Abu Dhabi, onde permaneceu os últimos dous anos mentres se investigaba a súa fortuna.

O rei saudou primeiro os anfitrións, os membros da corporación municipal de Sanxenxo, e despois achegouse ata un grupo de persoas que agardaban para velo. En varias ocasións repetiu que se atopaba ben e que estaba contento.

Posou para a foto co resto de regatistas, pero máis alá dos saúdos e das mostras de agradecemento non houbo palabras á prensa. Unha hora máis tarde Xoán Carlos I reencontrouse co Bribón, o barco co que gañou o Mundial de 2019 en Finlandia.

Fotografouse con toda a tripulación e por un momento parecía que ía poñerse ao mando, pero finalmente saíu ao mar nunha embarcación auxiliar, en que ía de copiloto. Ao regreso a terra volveu repetir saúdos pero non respondeu a ningunha pregunta.

Esta foi a primeira xornada da regata, que durará ata o domingo. Se non participa nesta, o rei ten intención de prepararse para a o Campionato do Mundo, que se celebra o mes que vén.

Asegurouno Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo: "Confirmoume que volverá o próximo dez de xuño, que quere revalidar o título, xa que el foi o último campión desa regata"

O rei Xoán Carlos estará en Sanxenxo toda a fin de semana, ata o luns, que viaxará a Madrid para reunirse na Zarzuela co rei Filipe e coa súa familia.

Un encontro que terá carácter privado e que non figurará na axenda da Casa Real. Ese mesmo luns pola noite regresará aos Emiratos Árabes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade