Xoán Carlos I regresa a Sanxenxo para participar na última regata da tempada

Será a sexta visita a España do rei emérito desde que marchou a vivir a Abu Dhabi

Xoán Carlos I nunha das súas anteriores visitas a Sanxenxo Xoán Carlos I nunha das súas anteriores visitas a Sanxenxo
G24.gal 19/11/2023 11:04 Última actualización 19/11/2023 11:24

O rei Xoán Carlos I regresa esta semana a Sanxenxo para participar co Bribón na regata prevista para os vindeiros días 25 e 26 de novembro, a última da tempada, e pasar uns días cos seus amigos da vela. 

Ten previsto chegar entre o luns e o martes ao aeroporto de Vigo nun avión privado, como en ocasións precedentes, e volverá aloxarse en casa do seu amigo Pedro Campos ao redor dunha semana, sinalan fontes próximas á contorna do rei emérito.

Coma na viaxe que fixo a Sanxenxo a finais do mes de setembro, agárdase que reciba a visita da súa filla maior, a infanta Helena, da súa irmá, Margarita de Borbón, e doutros familiares.

É a súa sexta visita a España dende que se instalou nos Emiratos Árabes Unidos pola polémica que suscitaron as súas irregularidades fiscais e a súa conduta persoal. A última vez foi o 31 de outubro, cando asistiu á celebración familiar polo 18 aniversario da princesa Leonor.

Unhas horas en Madrid

O pai de Filipe VI, que o próximo 5 de xaneiro cumprirá 86 anos, non foi convidado ao xuramento da herdeira ao trono no Congreso, nin tampouco ao outro acto institucional que houbo no Palacio Real.

Por ese motivo e porque non se lle permite aloxarse no palacio da Zarzuela, chegou ese mesmo día desde Abu Dhabi e só estivo unhas horas en Madrid, para voar a Londres ao termo do festexo familiar.

A última ocasión na que estivo en Sanxenxo foi en setembro con motivo da anterior regata na que participou o Bribón.

A proba Desafío Barceló da vindeira fin de semana é a última da Copa de España na categoría 6m, na que o barco que patronea o rei emérito ocupa a primeira posición con doce puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade