Mozos de toda España participan en 21 retos para combater a delincuencia informática
Mozos de toda España participan en 21 retos para combater a delincuencia informática
Celébrase a segunda edición da CITIC Ciber Competición
Estudantes de toda España enfróntanse, tamén vía online, a 21 retos de seguridade informática na segunda edición da CITIC Cyber Competition.
"Temos, por exemplo, algunha web con algunhas vulnerabilidade e as persoas participantes teñen que explotala para conseguir o segredo e superar o reto", explica Pedro Fernández, da organización das probas da CITIC Cyber Competition.
Participan máis dun cento de persoas entre alumnado de bacharelato, FP, grao e máster, que poñen a proba as súas habilidades. Un evento co que tamén se tratan de visibilizar as liñas de investigación das universidades galegas en materia de ciberseguridade e concienciar a toda a sociedade.
"Cantas veces metemos nas propias aplicacións que usamos datos que se nolos pedise alguén non lle dariamos. A concienciación global é moi importante e así é que tanto Europa como o Ministerio de Interior teñen agora programas de desenvolvemento para buscar solucións e tratar de cortar principalmente estes números, que están a subir de maneira desproporcionada", apunta Manuel Francisco González, director científico do Centro de Investigación de TIC (CITIC) da Universidade da Coruña.
Segundo datos do Ministerio de Interior, a cibercriminalidade supón xa un de cada cinco delitos cometidos en España.