Publicador de contidos
Publicador de contidos

O roubo do portón da cementeira antiga de Narón deixa ao descuberto un vertedoiro

O roubo do portón da cementeira antiga de Narón deixa ao descuberto un vertedoiro

Hai colchóns, moreas de restos de obras e material contaminante como pintura e uralita

A cementeira pechou no ano 2011, vítima da crise do ladrillo

G24.gal 28/01/2025 14:58

A cementeira de Narón, que naceu coa intención de ser buque insignia do sector, é hoxe un esqueleto rodeado de milleiros de toneladas de lixo.

O roubo da reixa de entrada deixou ao descuberto este cemiterio de residuos descontrolado, un lugar perigoso. O vento arrinca cachos de chapa e ao longo da explanada hai pozos profundos que non sempre están á vista e aínda asi "dentro ás veces hai persoas", comenta unha veciña, e veñen camións e furgonetas cargadas "porque isto non é cousa dun particular", engade outro home que frecuenta a zona.

Hai colchóns, montañas de uralita, centos de sacas con restos de obras e materiais contaminantes como pneumáticos, pintura, cables vellos e mesmo uralita, que desprende o tan temido amianto. 

Un repartidor que pasa pola zona explica que nunca veu a ninguén alí pero que se ve como a montaña medra día a día.

Os veciños miran para o Concello, que á súa vez ten as mans atadas por tratarse dunha propiedade privada, pero, sobre todo, poñen o acento na falta de civismo. 

Un veciño que traballou no servizo de recollida de lixo lamenta que suceda isto porque en Narón hai punto limpo e servizo de útiles a domicilio.

A cementeira botou a andar no ano 2002 na época dourada da construción, pero acabou devorada pola crise do ladrillo e reducida ao vertedoiro que é hoxe.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade