Publicador de contidos
Publicador de contidos

Pepe Álvarez confía en pechar esta tarde o acordo da reforma das pensións

Pepe Álvarez confía en pechar esta tarde o acordo da reforma das pensións

O secretario xeral da UGT destaca que se trata dun paso extraordinariamente positivo para consolidar o sistema e garantir a xubilación dos máis novos.

Pide altura de miras aos empresarios e salienta que a proposta sobre cotizacións está por baixo da maioría dos países da Unión Europea incluído Portugal

G24.gal 13/03/2023 10:20

O secretario xeral da UGT, Pepe Álvarez, amósase confiado en que a reunión, que manterán esta tarde o Goberno e axentes sociais para abordar a reforma das pensións, rematará con acordo.

Nunha entrevista no Galicia por diante, Pepe Álvarez  pide aos empresarios "altura de miras" despois da oposición frontal da patronal á reforma e asume o líder da UGT que será un acordo, como outros da mesa do diálogo social, do que se descolgarán.

O secretario da UGT considera que a proposta do executivo é "un paso extraordinariamente positivo para consolidar o sistema, polo tanto, que os máis novos teñan a seguridade de que se van poder xubilar. De aquí ao ano 2050 está garantido o sistema. Ademais é un acordo que conta co visto e prace da Comisión Europea que tamén é moi importante para que non teñamos, nos próximos anos, que volver a corrixir o sistema e o propio Goberno di como arranxalo no suposto de que houbese algunha dificultade económica, que é sempre actuando sobre os ingresos e non sobre as pensións". 

Álvarez explicou que esta tarde queren centrar as conversas na revalorazación das pensións máis baixas, na cobertura dos baleiros que máis afectan as pensións das mulleres así como as prexubilacións parciais e os coeficientes de redución que se aplican a certos traballadores. 

"A reforma consegue dous obxectivos fundamentais para nós. Por unha banda, equilibra, de aquí ao ano 2050, os ingresos e os gastos da Seguridade Social e, por outra banda, que non se faga con cargo a unha rebaixa das pensións senón que se poida manter a revalorización das pensións conforme ao IPC", apunta Álvarez. 

Lamenta o líder da UGT as críticas dos empresarios que consideran que a reforma ten "voracidade recadatoria" por, entre outras cuestións, o aumento progresivo das bases máximas de cotización. 

"Estamos ante unha proposta moi razoable. A min paréceme que é xusto que se manteña un sistema de repartimento coma o noso e que paguen máis as persoas que máis cobran" e explica que as cotizacións "están por debaixo da inmensa maioría dos países da Unión Europea incluído Portugal. España tiña un nivel de cotizacións moi baixo, o tope estaba nos 50.000 euros. Os traballadores e traballadoras con grandes salarios non facían ningunha contribución extra ó sistema. Pensen que con todo e con iso aínda quedaremos a unha certa distancia de Portugal no ano 2050 porque isto é un proceso paulatino". 

"Creo que os empresarios deberían ter miras máis longas e non pensar exclusivamente desde a perspectiva da conta de resultados dos seus accionistas que está a ser moi avultada. Isto dá estabilidade e para moitas empresas tamén vai representar un futuro mellor porque moitas das persoas xubiladas ou que se van xubilar van poder consumir e, polo tanto, tamén van poder manter os seus negocios", afirmou.  

Álvarez urxe os empresarios a subir os salarios pensando na reunión que teñen previsto manter UGT, CCOO, CEOE e CEPYME e na que se abordará o acordo da negociación colectiva. Xuntanza que se ía celebrar este luns e que finalmente se aprazou para o día 22 de marzo para non facela coincidir coa da reforma das pensións. 

O secretario xeral da UGT defende a proposta de suba que presentaron os sindicatos e pide aos empresarios responsabilidade. Advirte Álvarez que sen acordo, "haberá que ir á negociación dos convenios un por un e, polo tanto, con toda seguridade subir de xeito dramático a conflitividade do noso país. Creo que iso é o que temos que evitar". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade