O sector da limpeza concéntrase en Vigo para reclamar soldos dignos e revisión salarial
O sector da limpeza concéntrase en Vigo para reclamar soldos dignos e revisión salarial
Os traballadores reclaman que a patronal acepte incluír no novo convenio un aumento de soldos do 3,5% para 2023 e dun 4% para 2024 e 2025
O convenio leva caducado desde o 31 de decembro de 2022 e as negociacións do novo están paradas
Un centenar de traballadores da limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra concentráronse este mércores ante a sede de Limpiezas Cíes en Coruxo (Vigo) para reclamar que a patronal acepte incluír no novo convenio unha cláusula de revisión salarial así como a redución da xornada laboral. Polo momento a negociación do convenio está parada.
A mobilización foi convocada pola CIG, CCOO e UXT, e nela denunciaron "o bloqueo da negociación do convenio colectivo por parte da patronal".
A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, sinalou que o persoal do sector vese obrigado a saír á rúa unha vez máis, tras as protestas e a xornada de folga convocada con anterioridade, "ante o inmobilismo dun empresariado que insiste nunha subida salarial de risa e que non ten nin o detalle de compensar todo o que pasaron as compañeiros durante a pandemia”.
O convenio leva caducado desde o 31 de decembro de 2022 e as negociacións para renovalo comezaron en febreiro de 2023. "Pero tras 16 reunións non hai acordo porque a patronal négase a introducir a cláusula de revisión salarial e a reducir a xornada", indicou a representante da CIG.
O mes pasado romperon as negociacións e a parte social solicitou unha mediación ao AGA (servizo de arbitraxe da Xunta) hai semana e media, aínda que por agora non recibiron resposta algunha, polo que decidiron comezar coas mobilizacións, que continuarán o mércores da próxima semana e que poderían finalizar cunha convocatoria de folga no sector.
As reivindicacións dos traballadores pasan por un aumento de soldos do 3,5% para 2023 e dun 4% para 2024 e 2025, con cláusula de revisión salarial a IPC para non perder poder adquisitivo.
Segundo os sindicatos, a parte empresarial ofrece un 3,1% en 2023 e o 3% en cada un dos seguintes anos, pero sen revisión salarial.