División no sector do transporte galego sobre a continuidade do paro
División no sector do transporte galego sobre a continuidade do paro
Os transportistas de Ferrolterra saíron á rúa para esixir a fin dos contratos a perdas
Concentración no Obradoiro de transportistas, gandeiros e traballadores forestais
Nas últimas horas houbo asambleas e reunións en moitas das asociacións e cooperativas de transporte galegas. Hai tensión e división interna porque non todo o sector comparte a decisión da Plataforma Nacional de Transporte de manter o paro.
Os transportistas de Ferrolterra si manteñen a folga. Este mediodía realizaron unha marcha a pé entre Freixeiro e ponte das Cabras que obrigou a pechar ao tráfico a estrada de Castela e mañá protagonizarán unha nova protesta. Será unha ruta pola comarca cos camións e os tractores.
Na Coruña, a semana comezará cos piquetes informativos aínda apostados nos accesos ao porto. A asamblea de ASCENTRA, que agrupa preto de 300 transportistas autónomos da provincia, decidiu manter o paro.
Consideran insuficientes as medidas que recolle o acordo entre o Goberno e o Comité Nacional de Transportes. Queren medidas de aplicación inmediata. Desconfían da bonificación de 20 céntimos por litro de gasóleo, que consideran insuficiente.
Os pasos que dean a partir do luns irán en paralelo aos da Plataforma pola Defensa do Transporte, convocante do paro. O mesmo sucederá noutras asociacións e cooperativas de transporte galegas, que agardan posibles novidades que cheguen desde Madrid nas próximas horas.