O sector dos eventos afronta unha campaña prometedora
O sector dos eventos afronta unha campaña prometedora
Superado o parón da pandemia, esta primavera-verán promete superar a do ano pasado
Coa primavera arrinca a campaña de eventos. Primeiro as comuñóns, ata xuño, e despois as vodas, programadas maioritariamente para os meses do verán. "Eu fixen unha voda o 30 de decembro. E o 31 tamén. Estamos recuperando", explica Tere Rodríguez, de Event Ourense.
Os distintos actores implicados na organización dun evento traballan coa axenda a un ano vista. A deste verán está practicamente pechada.
Tere Rodríguez, organizadora de eventos: "Eu, en xuño e xullo, xa non teño nada. Xa están todas as fins de semana ocupadas, e ata mediados de setembro tamén".
O mesmo ocorre no sector hostaleiro.
Miguel Castro, director do parador de Santo Estevo: "Desde maio a finais de setembro, todas as fins de semana están con vodas e eventos. Temos algunha data en outubro e en abril, se alguén a quere facer sen moita planificación".
Visitamos unha tenda de traxes de cerimonia onde fan os vestidos de noiva por encargo, á medida e en tempo récord, pero recomendan mercalo con medio ano de antelación para evitar apuros de última hora ante a elevada demanda. "Nótase unha repunta porque, despois de tanta restrición, a xente vai volvendo. Houbo noivos que pospuxeron", explica Rosa Vázquez, de Silvia Fernández Atelier.
Un rexurdimento necesario tras a parada da pandemia, en que foron un dos sectores máis prexudicados.