Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha vintena de parellas celebran as súas vodas celtas en Cedeira

Unha vintena de parellas celebran as súas vodas celtas en Cedeira

Recrean o rito do Lugnasad na localidade da comarca ferrolá, polo que se comprometen por un ano ou renovan a súa relación nesta cerimonia

G24.gal 31/08/2024 16:10 Última actualización 31/08/2024 20:37

Cedeira celebra este sábado unha nova edición do Lugnasad, celebración enmarcada na tradición celta pola que contraen matrimonio homes e mulleres que se comprometen para o próximo ano ou que renovan o seu vínculo nesta cerimonia.

O acto, na contorna da praia da Madalena, está promovido pola Asociación Amigos do Lugnasad e reúne a unha vintena de parellas, procedentes en todos os casos tanto do resto de Galicia como doutros puntos de España.

O presidente da entidade, Manuel Aneiros, exerce como druída neste evento, que alcanza a súa edición número dezaseis e no que os protagonistas se engalanan con túnicas, sandalias ou flores. Unha comitiva acompaña con música ás parellas antes da cerimonia, que se desenvolve sempre na recta final do mes de agosto e que comeza á noitiña, aínda que a xornada xa inclúe outras actividades previas.

Así, este sábado pola mañá abriuse un mercado de época e os futuros matrimonios foron recibidos nun acto de apertura, tras o que se celebrou un desfile, mentres que pola tarde promóvense xogos infantís e xuvenís e citas musicais, con premios para quen vaia vestidos con roupa celta, viquinga ou medieval.

As parellas desfilaron polas rúas da vila. Algunhas participan por vez primeira este rito, mentres outras levan anos aproveitando esta cerimonia para renovar os seus votos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade