O sector pesqueiro volve pedirlle ao Goberno a rebaixa do IVE
O sector pesqueiro volve pedirlle ao Goberno a rebaixa do IVE
Primeira xuntanza de armadores e confrarías co ministro Planas na lexislatura
O ministro comprométese a defender os intereses españois na negociación das cotas
A Comisión Europea e os ministros de Pesca da Unión están citados para o 10 de decembro para acordar canto se poderá pescar o ano que vén nas augas comunitarias. A esa xuntanza Luis Planas levará as demandas que hoxe lle trasladaron tanto os empresarios como as confrarías españolas.
As principais peticións son dúas: frear a pretensión de Bruxelas de reducir en case un 10 % os días de pesca permitidos no Mediterráneo e maximizar a mellora prevista nas cotas de pescada, xurelo, peixe sapo ou meiga.
Como presidenta de quenda, España acode á xuntanza co papel de árbitro, pero sen descoidar, dixo o ministro, os seus intereses.
"España, como presidencia, ten que axudar a chegar a un acordo (...) pero iso nunca irá en detrimento dos intereses da súa frota pesqueira", dixo Planas.
O ministro celebrou como éxito do semestre español a fixación de cotas plurianuais para varias especies, o cal contribuirá, dixo, a facilitar a planificación dos armadores.
Na xuntanza, CEPESCA pediulle ao ministro que estenda aos produtos do mar a redución do IVE que se aplica a outros alimentos e manifestoulle a súa preocupación pola redución no consumo de peixe e marisco de máis dun 30 % na última década.